Actívanse as liñas de axudas dirixidas a microempresas e autónomos con persoal e á hostalería do Plan de rescate
Alberto Núñez Feijóo avanzou que as dúas liñas de axuda que faltaban por activar do Plan de rescate para traballadores autónomos e microempresas, dotado de 84 M, se convocarán coa publicación no DOG das súas bases. Fíxoo tras lembrar que o prazo para solicitar a primeira das liñas de axudas, a dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, de entre 1.200 e 2.000 euros, xa se abriu a semana pasada. Recibimos 17.009 solicitudes que xa teñen comprometidos 21 M, sinalou. Con respecto ás dúas liñas de axudas que se activarán, no caso da dirixida a microempresas e persoas autónomas con persoal contratado, os beneficiarios poderán optar a apoios de 4.000 euros, mentres que os de sectores especialmente paralizados recibirán 5.000 euros.
Terán que acreditar, dixo, ter ou ter tido autorizado un ERTE con anterioridade, unha baixada de facturación de polo menos o 45% con respecto ao ano anterior e comprometerse a manter o emprego durante 6 meses desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Por outra banda, a liña de axudas destinada especificamente ao sector da hostalería, que estará dotada de 17 M, concederá a cada un dos establecementos que cumpran cos requisitos 1.500 euros por cada mes de peche e 2.000 euros ao mes no caso de que se trate de empresas con 10 ou máis traballadores.
Sobre este último punto, o presidente da Xunta explicou que estas axudas son acumulables entre si, ao tempo que engadiu que, no caso dos autónomos con establecementos hostaleiros, as contías poderán oscilar entre os 6.700 e os 9.200 euros. Sitúa a Galicia á cabeza de indemnizacións ao sector da hostalería a toda España, engadiu.
Máis polo miúdo sinalou que neste plan, que se deseñou en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais, a Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable coa previsión de que a maioría das contías cheguen aos destinatarios no mes de decembro.
Finalmente, concluíu a súa intervención lembrando que o plan de rescate a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos de hostalería.
R., 2020-11-26
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.