Noticias

Sanidade confirma que a evolución epidemiolóxica en Galicia é estable e con tendencia á baixa

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou está mañá das derradeiras medidas acordadas polo comité clínico de expertos que fai seguimento á evolución da covid-19 en Galicia, e na que se decidiu incorporar ao concello de Moaña á listaxe de concellos galegos con medidas especiais Na compaña do xerente do Sergas, José Flores; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o membro do Comité clínico, Pedro Rascado, o responsable da carteira sanitaria galega tamén anunciou o levantamento das restricións en oitos concellos galegos, nomeadamente, Trazo, Boqueixón, Val do Dubra, Verín, Amoeiro, Coles, Monforte e Campo Lameiro.

Así mesmo, subliñou que os derradeiros datos da covid-19 nas localidades de Ribeira, Petín, A Rúa, Dumbría e A Lama, motivaron ao grupo de expertos a establecer unha vixilancia especial sobre a evolución epidemiolóxica destes cinco concellos, malia non acordar, polo de agora, novas medidas para os mesmos.

Garcia Comesaña remarcou que a situación epidemiolóxica en Galicia está a estabilizarse, mais incidiu en que é preciso seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias vixentes. Neste senso, aclarou que se as medidas se cumpren dun xeito estrito, as restricións diminuirán, tal e como acontecerá desde esta medianoite, nos oito concellos que pasarán ao nivel 2.

No que atinxe a presión asistencial, o xerente do Sergas, José Flores, salientou que os datos actuais deben ser analizados con prudencia, apelando asemade á responsabilidade individual para continuar mellorando os datos no centros sanitarios galegos. Neste sentido, Flores destacou que a ocupación media das unidades de hospitalización en Galicia descendeu nun 11% durante os últimos 7 días, e nun 3% no referente as camas de críticos.

Respecto da incidencia acumulada nos municipios galegos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, detallou que a tendencia na nosa comunidade segue amosándose “estable con certa tendencia á baixa”, apuntando que esta se sitúa en 275 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e en 134’80, nas últimas 7 xornadas.

Pola súa banda, os membros do comité clínico, Pedro Rascado, Marina Varela e María Sande, lembraron que é preciso manter unha actitude prudente e cumprir as medidas de contención do virus, poñendo especial énfase na protección das persoas máis vulnerables.

Finalmente, e co gallo do Día internacional para a eliminación da violencia de xénero o conselleiro de Sanidade lanzou unha enérxica mensaxe de repulsa e condena contra calquera tipo de violencia machista.

R., 2020-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES