Noticias

A Rede Galega de Música ao Vivo da Xunta retoma a actividade con 250 concertos ata fin de ano nas 20 salas asociadas

Os concertos regresan esta fin de semana á Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Xunta en 20 salas de 14 localidades, que ofrecerá 250 actuacións de moi diferentes estilos ata final de ano. Esta cifra supón un incremento dun 22,6% na súa carteleira anual, que nesta ocasión se concentra principalmente no segundo semestre tras a reprogramación das citas adiadas pola declaración do estado de alarma. Mantense, así mesmo, a progresión ascendente do seu orzamento, que este ano se incrementa nun 17% para situarse preto dos 200.000 euros, dos que un 90% corre a cargo da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante é asumido polos 20 locais privados asociados ao circuíto.

Este investimento destínase integramente á contratación das 81 bandas e artistas, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma á programación de 2020.

A actividade da Rede Galega de Música ao Vivo retómase na primeira fin de semana de xullo con oito destes grupos: o venres 3 actuarán Aldaolado na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Cora Velasco na Arca da Noe de Vilar de Santos, The Lákazans no Náutico do Grove e The Swing Flamingos no Garufa Club da Coruña; o sábado 4 será a quenda de AAF’60 no Pub Gatos de Melide e de Cachas&Cousins na Pousada, e o domingo 5 continuará a actividade na Arca da Noe o no Náutico con TOR e Pablo Lesuit, respectivamente.

Ademais das devanditas salas, tamén integran o circuíto autonómico de música ao vivo Bâbâ Bar da Coruña, Aturuxo de Bueu, SalaSON de Cangas, Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación de Melide, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense, Borriquita de Belem, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, e El Contrabajo, La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo

Os carteis ofrecidos por estes locais no marco da rede continúan reflectindo a gran variedade de estilos da música feita en Galicia, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola canción de autor, o folk, o punk ou mesmo o flamenco. Así, atendendo aos grupos con máis concertos programados en 2020, sobresae o rockabilly de Mad Martin Trío, a mestura de rocksteady, R&B e soul xamaicano de Cachas&Cousins, o pop alternativo e en galego de Ataque Escampe, o blues de The Lákazans, o rock garaxeiro e tamén en galego de Familia Caamagno ou o pop-rock con achegas doutros estilos de Eladio y los Seres Queridos.

R., 2020-07-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES