O Gaiás reactiva no verán o seu programa de visitas guiadas con prazas limitadas e catro xeitos distintos de coñecer o complexo
A Cidade da Cultura de Galicia reactiva o seu programa de visitas comentadas ampliando a oferta con diferentes opcións para coñecer a arquitectura do complexo, o seu funcionamento e os espazos naturais do Monte Gaiás. Adaptándose ás medidas da era poscovid-19, prográmanse para o verán catro modelos de visitas guiadas, de curta duración e prazas limitadas. Todas elas son de balde, para un máximo 10 asistentes en cada quenda ofertada de martes a domingo. Os percorridos, de aproximadamente media hora de duración e guiados polo persoal do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao Público do Museo Centro Gaiás, ofrecen diferentes xeitos de achegarse ao complexo arquitectónico.
Por unha banda, o público asistente poderá optar por coñecer as liñas e volumes proxectados polo neoiorquino Peter Eisenman nun percorrido polos exteriores da Cidade. Desde o Museo Centro Gaiás un dos edificios máis singulares do complexo coa súa espectacular fachada acristalada de case 43 metros de altura o percorrido incluirá a Praza Central, as icónicas Torres Hejduk, e os dous xardíns construídos no corazón arquitectónico do Gaiás o Xardín Literario e o Xardín do Teatro así como o espazo de xogo e lecer do Parque da Balea, que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos: o coruñés Urbano Lugrís.
No segundo modelo de visitas, os protagonistas serán os espazos naturais do monte Gaiás, a súa fauna e flora e os seus aspectos medioambientais. O percorrido inclúe parte dos sendeiros do Bosque de Galicia, o gran pulmón verde do monte, con once mil árbores de especies autóctonas carballos, castiñeiros, bidueiros, espiños, pradairos, abeleiras, érbedos, freixos, faias
, os paneis fotovoltaicos do complexo e as zonas de lecer infantil do Bosque de Galicia e o Parque da Balea. A visita rematará a carón do Xardín do Teatro, un atractivo espazo con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar do deporte e da natureza.
A terceira visita programada céntrase na xénese do proxecto partindo da exposición permanente das maquetas dos proxectos que se presentaron en 1999 ao Concurso Internacional de Arquitectura, os principais fitos da historia do complexo e tamén os últimos avances das obras, rematando o percorrido no miradoiro que sobre o Bosque de Galicia nos ofrece unha descoñecida e espectacular panorámica da cidade de Compostela.
A oferta complétase cunha descuberta diferente aos usos e funcións do complexo que, ademais dun achegamento as liñas mestras do proxecto arquitectónico, permitirá descubrir as claves do seu funcionamento e coñecer espazos normalmente restrinxidos ao público, como a galería de servizos subterránea, que comunica o subsolo de todos os edificios.
Medidas de seguridade
As visitas guiadas rexeranse por un estrito protocolo que incluirá, ademais da necesidade de reserva previa por se fose necesario contactar ás persoas participantes, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de acudir con máscara de protección ou a substitución de calquera tipo de folletos ou información impresa polo seu equivalente dixital.
R., 2020-06-30
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.