Noticias

O Centro Dramático Galego apoia a participación de Paula Carballeira no Torneo de Dramaturxia do Teatro Español

O Centro Dramático Galego (CDG) colabora co IV Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid a través do apoio á participación de Paula Carballeira como unha das oito dramaturgas e dramaturgos procedentes de todo o Estado que difundirán os seus textos mediante esta fórmula, ideada para darlle visibilidade á autoría teatral contemporánea. A iniciativa, realizada pola produtora LaZona, desenvolverase no Teatro Español por cuarto ano consecutivo. Dada a situación sanitaria actual, será por vez primeira unha edición en streaming, que terá lugar nun dos escenarios das Naves del Español e na que o público poderá votar en liña nos tres minutos inmediatamente posteriores á súa transmisión a través da canle de Youtube do teatro.

Mantense a fórmula de non coñecer con antelación a autoría de cada unha das oito pezas, escritas especialmente para este torneo.

Xunto coa dramaturga, directora de escena, actriz e narradora oral Paula Carballeira, foron seleccionados para esta ocasión Marga Llano, Jordi Galcerán, Jose Padilla, Maxi Rodríguez, Jordi Casanovas, Denise Despeyroux e Celia Morán. Os combates de dramaturxia levaranse a cabo dous a dous e en tres roldas: cuartos de final, semifinais e final. Así, en cada eliminatoria leranse dous textos e, unha vez terminado o combate, o público dixital poderá emitir o seu voto a través de Internet e decidir cal deles pasa á seguinte fase.

O torneo dará comezo mañá 1 de xullo e continuará ata o día 15, cando se decidirá a peza gañadora. O texto de Paula Carballeira medirase o 2 de xullo, ás 17,00h., co de Jose Padilla.

Para o CDG, unidade teatral da Xunta de Galicia, o apoio a esta iniciativa inscríbese no seu obxectivo de contribuír á difusión dos textos teatrais de autoría contemporánea.

R., 2020-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES