Noticias

Os Centros de Atención a Maiores da Deputación celebran o San Xoán con sardiñadas e actividades

Os Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo celebran o Día de San Xoán con sardiñadas, churrascadas e actividades propias desta festividade. Os usuarios e usuarias das residencias de Ribadeo, Trabada, A Fonsagrada e Pol pasarán este día xuntos dunha maneira diferente e divertida, e xantan e merendan pratos típicos desta festividade. Nos últimos días recolleron flores para realizar o tradicional ritual de boa sorte deste día .

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, responsable da área de Benestar que xestiona os centros, explica que “estas actividades fan que os nosos maiores pasen unha xornada diferente, de alegría,e non só unha xornada, xa que levan preparando este día, tan arraigado en Galicia, durante toda a semana. Desfrutan moito das actividades, o que mellora a súa calidade de vida e benestar”. Así mesmo, Rivera subliña a disposición do cadro de persoal dos catro centros por involucrarse nestas actividades e converter un día normal nun día especial. “Nestes momentos é incluso máis importante promover accións, logo do período de confinamento que vimos de pasar”, subliña.

As direccións dos centros planificaron comidas e merendas a base de churrasco, sardiñas e filloas. Incluso esta noite realizarán pequenas fogueiras de maneira simbólica para realizar o ritual de boa sorte das herbas de San Xoán. Ao longo da semana pasada aproveitaron os seus paseos para ir recollendo flores e participaron en obradoiros e actividades para coñecer os ritos e refráns vencellados con esta festividade.

Centros e actividades

CAM de Trabada
O martes: Merenda especial con churrascada e sardiñada (sen espiñas). Música e baile e preparación das augas das 7 herbas de San Xoán.
- Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.

NoticiaCAM de Ribadeo
- O martes: Asado de sardiñas nos exteriores do CAM a mediodía. Actividade de ditos e refráns sobre a festividade. Xantar con menú especial de San Xoán con sardiñas e patacas cocidas con pel. Pola tarde, actividades de animación e preparación das herbas de San Xoán, recollidas polos usuarios o día anterior.
- Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.

CAM de Pol
- O martes: Merenda especial con churrasco e sardiñas onde se celebrará o aniversario do mes. Festa con sangría e sidra sen alcol e recollida de herbas para o ritual de San Xoán. Ao anoitecer realizarán a fogueira do Lume Novo.
- Mércores: Ritual das herbas de San Xoán.

CAM daFonsagrada
- O martes: Merenda con filloas e chulas con chocolate e café, con música e baile. Presentarán o mural de San Xoán e colocarán as flores nas portas e ventás do centro. Antes da cea realizarán o ritual de auga de rosas e despois da cea proxectarán a fogueira e realizarán ritos de bos desexos.

R., 2020-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES