Sanidade actualiza o Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do Covid logo da reunión da Comisión de xestión da crise sanitaria
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ven de presentar a actualización do Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes do coronavirus, logo da reunión celebrada pola Comisión de xestión da crise sanitaria.
O plan é froito do traballo do grupo de expertos, e ten como obxectivos definir o marco de actuación para a toma de decisións, así como establecer as medidas en materia de vixilancia, prevención e control dos casos que xurdan.
Tal e como destacou o conselleiro, o control dos casos faise dende a Central de seguimento de contactos. A entrada de casos á central realízase dente atención primaria, así como dende o 061 ou dende o novo teléfono posto en marcha pola Xunta de Galicia 881 00 20 21, para atención ás persoas que visiten a nosa Comunidade Autónoma.
Almuiña dixo que a Central xa realizou, dende a súa posta en marcha o 11 de maio, 1.622 contactos, e realizou máis de 8.000 chamadas aos contactos para ver si presentaban síntomas da enfermidade. O titular da carteira sanitaria sinalou que, por cada positivo, faise o seguimento de 3,73 cidadáns.
O conselleiro volveu insistir na utilización da máscara como normal xeral, tanto en espazos pechados como abertos, posto que é dificil garantír a separacion do metro e medio. Tamén remarcou a importancia da hixiene de mans e da hixiene respiratoria, poñendo o cóbado cando se vai esbirrar ou utilizando panos desbotables. Así mesmo, recalcou o feito de evitar as grandes aglomeracións.
Fortalecemento da capacidade diagnóstica
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, incidiu en diversos aspectos deste plan de detección, control e vixilancia da crise da covid. Nel abórdanse diversos indicadores de capacidade asistencial e de ocupación das diversas áreas sanitarias, así como a capacidade asistencial e para realizar probas diagnósticas. Tamén contempla o documento a situación epidemiolóxica en cada unha das zonas que se teñen definidas.
O xerente do Sergas destacou o fortalecemento da capacidade diagnóstica do sistema sanitario galego durante a crise, tanto en atención primaria como atención hospitalaria, e subliñou a importancia de incorporar o manexo de casos a través do teléfono de atención ás persoas que visiten Galicia e presenten sintomatoloxía, que posibilita que o cidadán, durante a súa estadía na nosa comunidade, se poña en contacto cos profesionais do Servizo Galego de Saúde dun xeito sinxelo.
R., 2020-06-23
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.