Noticias

Galicia, Canarias e Andalucía serán os destinos predilectos este verán para os turistas españois

Como se van comportar as persoas residentes no estado Español á hora de elixir destino na nova normalidade xurdida pola Covid-19 é a pregunta á que responde un estudo liderado polo profesor do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC, Jakson Renner Rodrigues Soares, xunto co Grupo de Investigación Turismo, Economía e Sustentabilidade (GTES) da Universidade Estadual do Ceará en Brasil. Con esta investigación, búscase guiar a empresas e destinos turísticos na súa toma de decisións ante a actual situación de crise sanitaria global. As conclusións do informe extráense das máis de 850 enquisas realizadas en todo o territorio español, a partir dunha pregunta inicial: planificou vostede algunha viaxe para os próximos meses?

Entre as súas achegas, "o estudo constata que as persoas que responderon a enquisa non teñen intención, en liñas xerais, de renunciar ao turismo como parte da súa axenda de ocio, aínda que amosan o seu propósito de apostar, na medida do posible, polos destinos próximos e no conxunto do territorio do Estado, para contribuír á recuperación económica do sector", explica o profesor Rodrigues Soares. Entre os destinos máis citados, destacan Canarias, Andalucía e Galicia, zonas que durante a pandemia tiveron unha incidencia menor en canto a casos de Covid-19. "Cando se lles pregunta polos principais atractivos turísticos, as persoas apostan polo sol, a praia, a cultura e máis a natureza como principais motivos para elixir destino", continúa.

Planificación, saúde e seguridade

Outra das achegas chave que se obteñen do estudo é a maior preocupación das e dos turistas por asegurar o investido na viaxe ante posibles imprevistos derivados da situación sanitaria. Entre os factores esenciais a ter en conta, as persoas declaran que procurarán obter unha información minuciosa do lugar de destino (63% das respostas) e a contratación dun seguro de viaxe (60%).

Neste senso, o estudo tamén amosa as novas preocupacións das persoas sobre a seguridade no espazo elixido, a súa inquedanza ante posibles doenzas endémicas do lugar e o interese sobre a calidade do sistema sanitario da rexión á que se vaia viaxar. Con todo, a pesar da vinculación da orixe do coronavirus SARS-CoV-2 cos mercados de alimentación da provincia de Hubei, as persoas manifestan que non cambiarán os seus hábitos á hora de probar a gastronomía local do destino. Alén diso, as respostas manifestan que manterán o interese por relacionarse coa poboación local do lugar ao que viaxen.

Que muda e que permanece?

Á hora de analizar as posibles mudanzas de plans e destinos, así como as motivacións das experiencias turísticas, o informe apunta que a maior parte das persoas que planificaran unha viaxe dentro de España (60%) manterá a súa intención, mentres que o 25% das persoas con viaxes internacionais previstos considera cambiar de destino. Neste senso, os resultados do informe reforzan a idea de que o turismo máis próximo vai saír reforzado. "Ademais do Estado español, Portugal e Italia tamén son vistos como destinos á alza nas viaxes post Covid-19", explica Rodrigues Soares. A posibilidade de mudar de plans é maior en países máis distantes, como Brasil, Estados Unidos ou México.

Entre as liñas de acción marcadas a partir destes resultados, o informe opta por fomentar nichos de turismo interno concretos que antes se procuraban no exterior por descoñecemento; o deseño, por parte das axencias de viaxes, de produtos turísticos enfocados ao novo perfil das persoas viaxeiras; a promoción de espazos abertos e produtos enfocados na natureza como mostra de seguridade, en contraposición ao risco maior de contaxio en espazos pechados, e a aposta por ofrecer de forma clara e con garantías, coa maior información posible, un produto de calidade.

R., 2020-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES