Noticias

A Coruña e Santiago acollen esta fin de semana as estreas das pezas de danza 'Médula' e 'Emigrantas' coproducidas pola Xunta

Os espectáculos de danza Médula, pola compañía Exire, e Emigrantas, a cargo de Kirenia Martínez, chegan esta fin de semana aos escenarios galegos. O Teatro Rosalía Castro da Coruña (venres ás 20,30 h.) e a sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela (sábado ás 19,30 h.) son os espazos que acollerán, respectivamente, as dúas estreas. Ambas propostas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas, ademais de ter como denominador común o protagonismo feminino, tanto na composición dos equipos artísticos como nas temáticas. As responsables das pezas recibiron da Agadic o financiamento dos seus proxectos, e tamén apoio loxístico e técnico durante o proceso de creación e montaxe.

Así, Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez asumen conxuntamente a autoría, coreografía, dirección e espazo escénico de Médula, que Artestudio Xestión Cultural define como un encontro entre linguaxes e unha mestura dos anos de experiencia e investigación que cada unha das súas creadoras alberga nos seus corpos.

A proposta, executada pola compañía Exire, unha das formacións de Artestudio, atopa nas calidades do movemento da danza urbana o texto físico da proposta, que tamén se achega ao folclore de Cuba, de onde é orixinaria unha das bailarinas, e ás danzas africanas, como xeito de regresar ás raíces da humanidade, á terra onde habitou a primeira das mulleres. A obra conta co asesoramento de Armando Martén, e voz e composición a cargo de María Move, artista que asina con Raúl Grillo a música orixinal. Durante o espectáculo soan os tambores batá a cargo de Alexis Fernández e as pandeiretas de Halima Shalabi.

A estrea na Coruña enmárcase no programa TRC Danza do Teatro Rosalía Castro e forma parte, á súa vez, da actividade da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto de distribución de espectáculos promovido e cofinanciado pola Consellería de Cultura e Turismo.

Estrea londiniense

Pola súa banda, Emigrantas defínese como un espectáculo de danza sobre a emigración en clave de xénero. De feito, na produción participou activamente o equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e, co obxectivo de implicar ás comunidades galegas no exterior, a montaxe viaxará a Londres para presentarse o 25 de febreiro no instituto da Fundación Cañada Blanch, entidade que recibiu o último Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior polo proxecto Galego en Londres. A estrea londiniense conta coa axuda da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta.

A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez Acosta dirixe a montaxe que executan no escenario David Loira e Esther Latorre. Os dous intérpretes danlle vida a unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da última diáspora galega, a que se debeu á crise económica. Para a súa creadora, trátase dunha peza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades, elementos cos que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en complicidade coas comunidades migrantes dentro e fóra de Galicia. Babykatze e Bruno Baw desenvolveron o espazo sonoro, Branca Novoneyra asina os textos e o vestiario é obra de Jandro Villa.

R., 2020-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES