Na súa intervención, Mercedes Rosón salientou o labor do Festival Atlántica nestes oito anos como encontro de voces e historias que suma a tradición oral e a cultura atlántica e no que respecta a Santiago, amosou a súa satisfacción por acoller as galas inaugural e de clausura no Teatro Principal así como as actividades deseñadas para escolares que se desenvolverán en múltiples puntos do concello: colexios, centros sociais, aula de pediatría do hospital, Centro Xove da Almáciga e Igrexa da Universidade.
Pola súa banda, Xurxo Couto destacou que grazas ao Festival, Galicia convértese nun punto de encontro do conto. Xa que Atlántica continúa a estender as súas redes a Galicia enteira e ademais pasa a auga salgada do océano e chega a Brasil, Colombia... e tamén se mete cara ao interior con presentacións de Zamora, Huesca, etc.
Contos de acó e de aló
Soledad Felloza foi a responsable de pechar a rolda de prensa e aproveitou para anunciar a incorporación a última hora de Lugo ao Festival Atlántica. Na súa quenda, a directora do Festival xustificou a elección da rosa dos ventos como leitmotiv gráfico deste ano pola celebración dos 500 anos da primeira volta ao mundo. Eses ventos van traer agora a Galicia narradores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal ou Palestina.
Tamén participarán narradores galegos e Felloza quixo facer fincapé na recuperación de Santi Prego para o mundo da narración. O recente nomeado aos premios Goya como mellor actor revelación contará xunto a Ghaleb Jaler, a quen Felloza definiu como contador espontáneo. Unha figura que Atlántica está a reivindicar e que describe como esa persoa que sempre que fala está contando e que ás veces é mellor ca os profesionais.
Grazas á unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela vaise producir o encontro de dúas mulleres bravas que contarán historias do mar e da montaña: Sandra Araguas, de Huesca, e Charo Pita, unha das narradoras galegas máis experimentadas. Outra novidade deste ano é a sesión de conto, gaita e zumba do sábado 14 de marzo na Praza de Cervantes con Luís Prego e Pablo Díaz. Unha sesión pensada como unha gran festa ao aire libre, para maiores e cativos, co aliciente engadido das tapas atlánticas que prepararán os bares da zona.
Outra actividade subliñada por Felloza é a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e co seu director, Casiano Mouriño, que este ano recunca no Festival cun espectáculo baseado no clásico O gato con botas e que está creado expresamente para a ocasión.
Tampouco quixo esquecer o encontro de tres ventos no Teatro Principal: o venezolano Rubén Martínez, os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Ceu e o salmantino Fernando Saldaña. E unha das citas clásicas do Atlántica, a Gala Inaugural, que este ano terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.
Pero Atlántica non é só Santiago e o Festival tamén vai estar en Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral cunha actuación da colombiana Carolina Rueda en Lalín e unha xornada especial na Cidade da Cultura con dúas partes: unha sesión de Ramiro Neira para público infantil e unha conferencia de Antonio Reigosa sobre os quince anos de Galicia Encantada, unha web que consultamos todos os narradores.
Felloza anunciou que a Cornamusa de Honra deste ano vai dedicada para a editorial Galaxia, que celebra 70 anos amosando o traballo de autores e autoras galegas e que é outra fonte da que bebemos os contadores. E rematou a súa intervención reivindicando a narración oral como unha arte, salientando que é a única arte escénica que está presente todos os días do ano nalgún lugar de Galicia. Malia esta vitalidade, Felloza sinalou a importancia de seguir gañando novos públicos, especialmente na mocidade.