O Salón Teatro recibe a coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol'
O Centro Dramático Galego participa na coprodución internacional 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol', que poderá verse en Santiago do 11 ao 21 de decembro. A reflexión arredor da emigración, pasada e presente, é o eixo temático desta proposta das compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, que conta tamén coa implicación das entidades portuguesas Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e Comedias do Minho, a arxentina Cía. Nacional de Fósforos de Bos Aires e a uruguaia El Mura de Montevideo. Baixo a dirección escénica de Fran Núñez, responsable tamén da dramaturxia, e a musical de Brais Iriarte, esta comedia sobre a memoria e a desmemoria foi tomando forma ao longo de varias residencias artísticas nos devanditos países.
Anteriormente, foi exhibida en Montevideo, onde tivo lugar a estrea o pasado mes de outubro, e en Bos Aires
A súa estadía na sede compostelá do Centro Dramático Galego arrancará o vindeiro mércores 11, ás 11,00 h., cun pase matinal que, baixo a denominación de función descontraída, ofrecerá unha sesión cunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia respecto do ruído e movemento na platea. Cun prezo especial de 3 euros, destínase ás persoas que buscan un ambiente máis relaxado que o dunha representación teatral ao uso, así como ás que se poidan sentir máis cómodas nese contorno, como aquelas con déficit de atención, deficiencia intelectual, espectro autista ou deficiencias sensoriais, sociais ou de comunicación.
Se fosen turistas, levarían gafas de sol afonda na memoria da emigración a partir das historias persoais do equipo do espectáculo, que poñen en escena Manuel Coelho, Iván e Mariano Solarich, Brais Iriarte, Fran Núñez, Luis Filipe Silva e Martina e Magdalena Fernández. As súas propias experiencias familiares supoñen en si mesmas unha celebración da vida, da supervivencia e do camiño percorrido a partir dunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50.
A música creada en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son, ademais, características que fan desta unha proposta escénica única e novidosa.
A venda de entradas para as súas funcións en Santiago xa está dispoñible no web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións.
Tras a súa estadía na sede do Centro Dramático Galego, Se fosen turistas, levarían gafas de sol porá rumbo cara ao Teatro Rosalía Castro da Coruña, onde poderá verse o domingo 22 de decembro, ás 20,30 h.
R., 2019-12-09
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.