Noticias

Facenda anuncia que o primeiro que fará a Xunta cando se constitúa o novo Goberno será pedir o pago íntegro dos 700 millóns que lle adebeda a Galicia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou hoxe no Parlamento que o primeiro que fará a Xunta de Galicia cando se constitúa o novo Goberno de España será pedir o pago íntegro dos 700 millóns de euros que lle adebeda a Galicia. E asegurou que “atender esta débeda é o primeiro e máis inmediato asunto da axenda galega que o Goberno ten que cumprir”. Na súa intervención durante o debate de totalidade do proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para o 2020, o titular de Facenda lembrou que o Parlamento galego xa se ten pronunciado en tres ocasións, cun alto grao de consenso, demandando o pago total destes recursos.

Durante o debate, o conselleiro lembrou que Galicia volve ser das primeiras comunidades en tramitar as súas contas e subliñou que “Galicia é un caso único en España en poder encadear 40 orzamentos seguidos”. Todo isto grazas á estabilidade outorgada á Xunta polos galegos que “fai que esteamos blindados ante a inestabilidade do Estado e a nosa obriga é transformar esta inestabilidade en seguridade, certeza e confianza”.

Valeriano Martínez explicou que se trata do 5º orzamento expansivo consecutivo e o máis elevado nunha década, con máis recursos pero prudente porque “queremos que Galicia sexa un antídoto ao bloqueo estatal”. Segundo expuxo, “estes orzamentos queren mellorar a vida dos galegos do ano 2020” pero tamén comezar a planificar a vindeira década con catro grandes prioridades: a Galicia moza, a Galicia familiar, a Galicia innovadora e a Galicia verde. Estas prioridades incluiranse no novo Plan Estratéxico de Galicia 2021-2030 que se aprobará no 1º semestre de 2020.

A Comunidade Autónoma disporá o vindeiro ano dunha capacidade de gasto de 10.149 millóns de euros, un 3% que neste exercicio, co que Galicia contará con 300 millóns máis que este ano e 1.400 máis que en 2016. Ademais, seguen apostando polo reequilibrio territorial cun maior gasto per cápita nas provincias orientais respecto das atlánticas, de aí que o maior investimento por habitante volva producirse en Lugo (4.252 euros per cápita) e Ourense (4.096), fronte aos 3.281 euros de A Coruña e os 3.200 de Pontevedra.

Menos impostos e máis beneficios fiscais

O conselleiro subliñou que o modelo da Xunta baséase en fortalecer o crecemento económico con menos déficit, menos débeda e, tamén, con menos impostos.

En canto ao imposto de Sucesións e Doazóns, desde 2016 non se pagan impostos polos primeiros 400.000 € en familiares directos, sen contar a vivenda habitual, unha medida que xa beneficia aos 99% das liquidacións. E o número de beneficiarios xa supera os 355.000 en menos de 4 anos. Ademais, hai que ter en conta que practicamente un de cada tres -un total de 107.776- son beneficiarios por pactos sucesorios en vida. Agora, elévase a 1 millón de euros por herdeiro a cantidade exenta de pagar neste imposto. Con esta medida, o 99,94% dos galegos non pagarán Imposto de Sucesións entre familiares directos a partir do 1 de xaneiro de 2020, o que supón a súa práctica supresión.

Por outra banda, unha das prioridades do Goberno galego é que esta sexa a lexislatura do rural e, nese obxectivo, ten moito que ver a política de Impostos 0 no rural xa consolidada, así como as rebaixas de impostos en zonas pouco poboadas. Nestes orzamentos refórzase esta estratexia para fixar poboación e para que sexa máis doado vivir no rural e do rural. Entre as novidades, inclúese a rebaixa do imposto pola compra dunha vivenda usada no 94% do territorio galego. Para iso, redúcese o Imposto sobre Transmisións Patrimoniais (ITP) do 7% ao 5% no caso de compra de vivenda habitual, e do 10 ao 6% para o resto de compras de vivenda, co obxectivo de fixar poboación no rural e dinamizar estas 3.500 parroquias. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Ademais, a estas importantes rebaixas fiscais hai que engadir o cada vez máis importante volume de beneficios fiscais no orzamento. En 2020 chegan ata os 448 millóns de euros, o que supón 84 millóns de incremento durante esta lexislatura, un 23% máis. O 95% destes beneficios fiscais son de carácter social.

Reforzo do gasto social e dos investimentos

Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.

Xacobeo, empregados públicos e débeda

Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destina un paquete de medidas nas distintas consellerías por 82 millóns de euros para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo e conseguir que o Xacobeo 2021 sexa o mellor da historia.

Ademais, recóllese a anualidade correspondente aos acordos sectoriais para mellorar as retribucións do persoal da sanidade pública, do ensino público, da xustiza, do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, bombeiros forestais e axentes medioambientais.

En canto ao endebedamento, Valeriano Martínez destacou que neste momento Galicia é a comunidade que menos aumentou a débeda desde 2008; leva 2 anos en práctica consolidación fiscal e tivo o 1º superávit en 16 anos; encabeza o esforzo investidor en España, destinando o dobre de recursos por habitante que a media de CCAA, e lidera o pago aos provedores. Para o ano 2020, Galicia quere seguir por este camiño e, de feito, a ratio de débeda/PIB en Galicia de 2018, comunicada oficialmente polo Banco de España, é do 18,1%, 5 décimas menos que en 2017. Esta evolución descendente seguirá nos vindeiros exercicios, á vez que se remata a consolidación fiscal.

R., 2019-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES