Noticias

'Fillos do sol' sobe a Pondal aos escenarios para dinamizar a lingua na mocidade

Fillos do sol é unha peza teatral emotiva e divertida sobre os derradeiros anos de Eduardo Pondal, inspirada no autor e na obra que o ocupou toda a súa vida como obsesión: Os Eoas, escrita e dirixida por Cándido Pazó, con César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez e destinada a público desde os catorce anos. A peza, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, presenta a un Pondal desdobrado nun D. Eduardo que, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, que non é outro ca el mesmo, de mozo. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a criada nova da pensión na que o bardo pasou a derradeira etapa da súa vida.

“A oitava edición do programa FalaRedes sobe a Eduardo Pondal aos seus escenarios para dinamizar o uso do idioma na mocidade e achegarlle a figura, sempre controvertida, e a obra do bardo bergantiñán que encamiñou toda a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e que foi piar, con Rosalía e Curros, do Rexurdimento galego”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, hoxe na presentación da xira desta peza teatral dirixida por Cándido Pazó, por quen estivo acompañado, en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Nove en total son os concellos que acollen acollen a obra ata o vindeiro 8 de decembro: Cambados, Mos, Foz, Viveiro, Verín, Xinzo de Limia, Santa Comba, As Neves e Salceda de Caselas, en todos eles con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. As citas da fin de semana son o sábado, 16 de novembro, en Foz, cunha función na Casa da Cultura, ás 20,30 horas, e o domingo, 17 de novembro, en Viveiro, con outra no Teatro Pastor Díaz, ás 20,00 horas.

Acompañaron a García e Pazó na presentación dous dos actores protagonistas César Cambeiro e Adrián Ríos.

‘Os Eoas (fillos do sol)’

Fillos do sol é unha peza teatral emotiva e divertida sobre os derradeiros anos de Eduardo Pondal, inspirada no autor e na obra que o ocupou toda a súa vida como obsesión: Os Eoas, escrita e dirixida por Cándido Pazó, con César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez e destinada a público desde os catorce anos.

A peza, a cabalo entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, presenta o personaxe de Pondal desdobrado nun D. Eduardo que, xa octoxenario e comesto pola neurose dos seus últimos anos, confronta as súas dúbidas, medos e insatisfaccións creativas cun personaxe nacido da súa perturbación: Eduardo, que non é outro ca el mesmo, de mozo, nos inicios da súa carreira literaria. E, como contrapunto, a vida real e diaria representada por Rosa, a criada nova da pensión na que o bardo pasou a derradeira etapa da súa vida.

‘FalaRedes 2019’

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en colaboración coas entidades locais pertencentes á RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que a día de hoxe conta xa con máis de 200 entidades adscritas.

Os obxectivos do programa son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego nos concellos, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolvan o seu traballo neste idioma. Desde o mes de marzo e ata finais de ano a oitava edición do FalaRedes ofreceu en cartel preto de 100 funcións dos espectáculos Canta miña pedra canta, Os Bolechas somos unha gran familia, A nena e o grilo máis aló, Rosa Caramelo e outras historias e Fillos do sol.

R., 2019-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES