Noticias

Galicia, entre as comunidades de España pioneiras en contar cunha folla de ruta para loitar contra o cambio climático

Coa aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, Galicia convértese nunha das comunidades de España pioneiras en contar cunha folla de ruta para loitar contra o cambio climático, coa vontade de facer desta unha causa de todos. Neste obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2050, conforme ás directrices europeas, é imprescindible o papel de varios axentes: a comunidade investigadora, fundamental para deseñar solucións de cara á unha transición gradual e xusta; a sociedade, apostando pola sensibilización, a formación e a educación; e os concellos, fomentando a adhesión a iniciativas como o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que suma xa máis de 150 municipios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que coa aprobación da Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050, Galicia convértese nunha das comunidades de España pioneiras en contar cunha folla de ruta para loitar contra o cambio climático, coa vontade, precisou, de facer desta unha causa de todos.

“Temos que cambiar nós e non o clima”, dixo, asegurando que, neste obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2050, conforme ás directrices europeas, é imprescindible o papel de varios axentes, entre os que destacou: a comunidade investigadora, fundamental para deseñar solucións de cara á unha transición gradual e xusta; a sociedade, apostando pola sensibilización, a formación e a educación; e os concellos, fomentando a adhesión a iniciativas como o Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, que suma xa máis de 150 municipios.

Sobre este punto, Feijóo destacou tamén que, se ben, os concellos son os responsables da xestión dos residuos, desde o Executivo autonómico puxéronse en marcha varias liñas de axuda ás entidades locais, por valor de 3 millóns de euros, para mellorar a xestión dos residuos domésticos. E, para a mellora da xestión dos residuos urbanos, xa se teñen reservado 8,3 millóns nos orzamentos do vindeiro ano.

Así mesmo, referiuse ao papel fundamental das empresas para facer un cambio gradual e para aproveitar as oportunidades xeradas por un modelo máis sustentable.

Para acadar estes fins e implicar a todos os axentes, o titular da Xunta confirmou a posta en marcha de medidas como: as axudas ao sector residencial para mellorar a eficiencia enerxética, cunha dedución verde no IRPF, o próximo ano, que permitirá bonificar ata o 15% das actuacións en vivendas neste eido, como cambios de fiestras ou melloras de tellados e fachadas. Melloras nos plans de prevención e actuación ante eventos extremos para reducir a vulnerabilidade da poboación; desenvolvemento da estratexia de biomasa térmica; ou o fomento dos equipamentos en réxime asociativo no sector primario.

Cómpre resaltar que esta estratexia completarase coa Estratexia galega de Economía Circular. E, de cara a 2020, coa previsión de aprobar a Lei de residuos e solos contaminados, ademais da elaboración da Axenda 2030 de Galicia, un plan de acción a favor das persoas, do planeta e da prosperidade con 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable.

“A nosa vocación é que as xeracións futuras poidan gozar dunha Galicia máis verde”, dixo, subliñando que o sector primario e o medio natural de Galicia son grandes aliados para contribuír a paliar o cambio climático.

Feijóo precisou que estas liñas de acción e medidas específicas concentraranse no Plan rexional integrado de enerxía e clima, que se redefinirá e actualizará cada 5 anos. Ao respecto, lembrou que o primeiro, para o período 2019-2023, xa está en marcha con 170 iniciativas e cun investimento asociado e máis de 1.250 millóns de euros.

“En definitiva, camiñamos cara á neutralidade climática actuando sobre a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, a través dun modelo baseado nas enerxías limpas, na mellor da eficiencia enerxética en todos os sectores e en acadar sistemas produtivos máis responsables; e potenciando a capacidade de absorción de carbono, a través da adecuada xestión de masas forestais, dos usos do solo e da conservación dos ecosistemas”, abundou.

O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que a Comunidade aposta por unha labor constante e seria que sume vontades, “que sume aliados e que non xere incerteza entre os cidadáns”. “E ímolo facer de forma decidida, porque asumimos que o cambio climático é unha loita de todos, que afecta a todos; e de forma responsable, porque somos un Goberno que quere que cada vez máis xente se una a esta causa”, recalcou.

Non en van, desde 1990 a 2016 o peso das emisións de Galicia sobre o total de España pasou do 10,2% ao 8,6%. “Somos a terceira comunidade que máis está a reducir as súas emisións respecto a 1990; apoiamos á industria forestal; puxemos punto e final a todos os vertedoiros e incrementamos un 21% a rede de puntos limpos; aspiramos a acadar a vertedura técnica 0 no ano 2020 en Sogama, 15 anos antes dos que marca a UE; apostamos por medidas importantes para a xestión da auga e seguiremos adecuando as infraestruturas de abastecemento e saneamento nas que xa investimos nesta década 1.100 millóns de euros; e proporemos a concellos e deputacións a administración conxunta de todos os abastecementos e saneamentos de auga de Galicia”, recordou.

R., 2019-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES