Noticias

Máis de 14.400 persoas visitaron en menos de dous meses 'Argallar', a exposición do Gaiás para xogar coa arquitectura

A exposición no Gaiás para xogar coa arquitectura, Argallar, pechou esta pasada fin de semana con máis de 14.400 persoas en tan só 51 días que estivo aberta. Deste número, un total de 2.500 visitas foron escolares procedentes de medio cento de centros de toda Galicia. A Cidade da Cultura convidou desde o pasado 13 de setembro e ata o 10 de novembro a familias e colexios a achegarse a xogar coa arquitectura no Museo Centro Gaiás. A cativada que acudiu durante este período construíu e interactuou con figuras e pezas xeométricas, unhas veces dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma.

Estas posibilidades infinitas de construción e xogo coa arquitectura que ofreceu Argallar tiveron como obxectivo achegarlles á cativada e á centros escolares disciplinas como a arquitectura e a habitabilidade dun xeito lúdico e divertido. Ademais, permitiu demostrar que exposicións deste formato e con esta filosofía constitúen un xeito efectivo de rachar cos clixés de que os museos son espazos con contidos só para persoas adultas e pouco atractivos para pequenos e pequenas.

Encontro internacional con arquitectos e docentes

Esta exposición da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura estivo organizada pola Asociación Ludantia, APLU-Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Precisamente, estas entidades organizaron tamén de cara ao final de Argallar un encontro internacional con profesionais e estudantes de arquitectura e de educación Primaria e Secundaria ao redor da mostra: Playgrounds.

Esta xornada espertou un alto interese, ata o punto de esgotar as 170 prazas dispoñibles do foro, que ofreceu durante dous días –o 1 e 2 de novembro– nove conferencias con expertos e expertas internacionais e 20 obradoiros, onde levaron a cabo casos prácticos para mellorar a arquitectura nas escolas, espazos públicos e incluso cidades pensando na infancia.

‘Argallar’ e ‘Galicia, un relato no mundo’

Con esta exposición, a Xunta de Galicia completou a oferta expositiva do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, tras o peche en setembro de Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, ata a inauguración, este xoves, día 14 de novembro, de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes exposicións do Goberno galego no marco do Xacobeo 2021 e que estará aberta ao público a partir deste venres, 15 de novembro.

R., 2019-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES