Noticias

A exposición 'Valente e a unidade das artes' pon o foco na simbiose entre poesía e artes plásticas na obra do autor galego

A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.

En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen agora completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou e a que se debe o logotipo da Cátedra Valente. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros de artista que tamén se expoñen completos.

“Cando Valente fala de arte, faino, obviamente, sobre arte e sobre artistas, pero tamén sobre poesía e incluso sobre si mesmo. Acaso porque arte e poesía poden chegar, en esencia, ao mesmo coñecemento e incluso polos mesmos camiños, só que con instrumentos diferentes. Este é o reto dos libros feitos por Valente en colaboración con artistas e este é o seu sentido último, a súa razón de ser e o que os individualiza como obras únicas alén da simple superposición duns textos e dunhas imaxes”, conclúe Rodríguez Fer.

Acto inaugural

A vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; Esther Pedrosa, concelleira de Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela; e Salvador García-Bodaño, poeta e presidente do Ateneo de Santiago, inauguraron a mostra este xoves no Colexio de Fonseca. En horario de luns a sábado, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, poderá visitarse esta mostra que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 4 de xaneiro.

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, fundada no ano 2000 e dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do seu amigo ourensán, publicou xa unha vintena de libros contando cada un cunha ilustración debida a artistas vinculados persoal ou esteticamente con Valente, como Coral, Baruj Salinas, Sara Lamas, Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño, María José Santiso, Carlos Schwartz, Lola Valls, Antón Sobral ou Alejandro Vidal, pezas asemade expostas, á que se engadiu ademais obra orixinal dalgúns dos autores citados e de vellos amigos do poeta, como o seu conterráneo Virxilio.

R., 2019-11-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES