Noticias

O Centro Dramático Galego celebra co público o Día do Teatro cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago

O Centro Dramático Galego (CDG) compartirá co público a celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro mércores 27 de marzo cunha xornada de portas abertas na súa sede de Santiago. Como en anos anteriores, o programa de visitas guiadas Que se agocha tras o pano? ofreceralles aos asistentes un percorrido polas instalacións do Salón Teatro, ao tempo que lles permitirá coñecer a historia deste edifico da zona histórica compostelá e se achegar ao traballo cotiá do oficio teatral. Este ano o fío condutor das visitas será a cita “O teatro é un país en si mesmo, un gran territorio que abarca o mundo enteiro”, de Carlos Celdrán, dramaturgo e director teatral cubano.

Esta iniciativa desenvolverase en catro quendas, que terán lugar ás 13,00 h, 16,30 h, 18,00 h e 19,30 h para un máximo de 10 persoas por grupo. A asistencia é gratuíta, previa reserva ata o 26 de marzo nos teléfonos 881 867 229 / 226 ou no enderezo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.gal.

O punto de encontro será o exterior do Salón Teatro, no número 34 da rúa Nova de Santiago, onde os asistentes terán a oportunidade de coñecer a evolución do edificio, desde a súa primeira reconstrución en 1919 como salón cinematográfico ata a adquisición do inmoble pola Xunta de Galicia e as derradeiras reformas a finais dos anos noventa do século pasado, que o levaron á súa recuperación como espazo escénico.

Os grupos percorrerán durante uns 45 minutos estancias como os camerinos, a lavandaría ou a xastraría, ademais de acceder a espazos máis técnicos do teatro. Así mesmo, os participantes das quendas de tarde terán posibilidade de presenciar algúns dos traballos técnicos que se están a desenvolver no escenario durante o período de ensaios de Neorretranca e posmorriña, a nova produción que o Centro Dramático Galego estreará aquí o vindeiro 11 de abril baixo a dirección de Gena Baamonde. Con este motivo, as visitas concluirán na sala da biblioteca, onde se realizará un sorteo entre cada quenda dunha entrada dobre para asistir ao espectáculo nalgunha das funcións xerais programadas no Salón Teatro do 12 de abril ao 5 de maio.

Como en anos anteriores, o CDG ten previsto repetir a xornada de portas abertas en maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.

R., 2019-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES