Noticias

A sede do CDG en Santiago recibe a compañía Inversa Teatro para oito funcións do espectáculo 'Sofía e as postsocráticas'

O equipo da compañía Inversa Teatro inicia unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e protagonizala xunto a María Roja e Silvia Pena. Nesta montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres.

A nova montaxe de Inversa conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través do programa de subvencións á produción escénica e preséntase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no marco do programa de residencias artísticas da compañía pública e da súa iniciativa de apoio á dramaturxia galega contemporánea Dramaturxente.

Sofía e as postsocráticas, que tivo a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo tras unha preestrea no Culturgal de Pontevedra, chega a Santiago para desenvolver desde hoxe e ata o venres catro pases matinais, aos que asistirá alumnado de diferentes institutos galegos, e outros catro para público xeral nas tardes do xoves ao domingo.

Ademais, grazas á colaboración da sección galega da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif Galicia), as dúas funcións do xoves 13 (11,30 e 20,30 h.) terán carácter inclusivo. Con tal fin, proporcionaranse audioguías e programas de lectura fácil, empregarase linguaxe de signos con dúas intérpretes sobre o escenario e haberá espazo para cadeiras de rodas.

Encontros co público

Tanto tras estas representacións inclusivas, como tras as matinais con asistencia de escolares, parte do equipo artístico de Sofía e as postsocráticas manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre o espectáculo e o seu xeito de abordar a violencia machista.

Nesta nova montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres, na procura dun novo logos para establecer que é a violencia machista. Así mesmo, o emprego de máscaras e de diferentes elementos audiovisuais e sonoros contribúen a propoñer unha reflexión sobre a resposta e a responsabilidade social perante o maltrato. Cuestións como o pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador son os fíos argumentais polos que transitan as diferentes personaxes.

Ademais de Marta Pérez, María Roja e Silvia Pena á fronte de diferentes tarefas artísticas, tamén forman parte do equipo de Sofía e as postsocráticas Santi Romay (axudante de dirección), Montse Piñeiro (escenografía), Gonzalo Alonso (construción escenográfica), Laura Iturralde (videocreación), Ángel Sousa (iluminación), o dúo CintaAdhesiva que integran Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas (espazo sonoro), Silvia Sánchez, de Le Chanelas, e Josefa Rivas (vestiario) e Manuel Outeiriño (voz en off).

R., 2018-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES