Noticias

Dous talleres sobre cor e dirección de fotografía centran o arranque este mes da Master Class do Audiovisual Galego AuGAL

A oitava edición de AuGAL, a Master Class do Audiovisual Galego, arrancará este mes de novembro con cadanseu obradoiro sobre cor e dirección de fotografía, que se desenvolverán na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra os vindeiros días 26 e 27, respectivamente.Estas serán as primeiras das oito sesións programadas ata mediados de abril no marco desta iniciativa formativa que promoven a Agadic e a Universidade de Vigo.

O calendario de actividades desta nova entrega de AuGAL foi presentado hoxe na Casa das Campás por Jacobo Sutil, director da Agadic; Manuel Morquecho, director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; e Paulino Pérez, coordinador da Master Class do Audiovisual Galego 2018-2019 xunto a Fortunato Rodríguez e a Miguel Anxo Fernández.

Na súa intervención, Jacobo Sutil destacou como principal novidade desta edición os catro talleres impartidos por profesionais do audiovisual galego, que veñen complementar o xa habitual programa arredor de recentes producións galegas de cinema e televisión, comentadas polos seus equipos: “Unha vez máis, o conxunto do programa de AuGAL confirma a súa forte aposta tanto polo noso audiovisual como polos profesionais que o fan posible, ao tempo que reflicte a puxanza dun sector que, para a Xunta de Galicia, é estratéxico”, sinalou.

Trece profesionais no programa

Trece destacados profesionais en diferentes ámbitos do sector serán o encargados de achegarlle o seu oficio ao alumnado nas diferentes sesións incluídas no programa, que dará comezo o vindeiro luns 26 co obradoiro sobre cor a cargo de Fernando Alfonsín e Alfonso Merino, de Alfonsín Digital Lab. Seguiralle o que impartirá o martes 27 o director de fotografía Suso Bello. En ambos os casos o horario da actividade será de 12,00 a 14,00 e de 16,00 a 20,00 h.

Son e guión serán tamén obxecto de cadanseu taller no mes de marzo da man respectivamente de Miguel Barbosa, de Sound Troop, o día 11; e de Raúl García Pérez, director, guionista e profesor asociado na Facultade de Comunicación Audiovisual da Coruña, o día 25.

Como en anteriores edicións, a produción audiovisual galega centrará unha parte importante da actividade a través de tres sesións de presentación e coloquio arredor dos títulos proxectados. Entre eles, as tres fitas que se exhibirán o 12 de decembro baixo o epígrafe Curtas desde a Uvigo. Documental e ficción: A meca dos cines, de Dunia Alvarez Prieto; La mujer invisible, de Noemi Chantada; e Brotes, de Jorge Fernández.

La sombra de la ley e A estación violenta

Xa en febreiro, será a quenda para dúas longametraxes de ficción, ambas producidas co apoio da Agadic a través do seu programa anual de subvencións ao sector. Neste caso as citas serán o día 5 con La sombra de la ley, presentada e comentada polo seu director, Dani de la Torre, e pola produtora Emma Lustres, de Vaca Films; e o día 12 con A estación violenta, para a que se contará coa súa directora, Anxos Fazáns, e o seu produtor, Dani Froiz.

A oitava edición da Master Class do Audiovisual Galego chegará ao seu fin o 16 de abril coa conferencia Como se comercializa un produto audiovisual?, impartida por Elena Mera, de Treeline Distribution, á que seguirá o acto de entrega dos diplomas de asistencia que lles outorgará a Agadic aos participantes.

O programa de AuGAL está dirixido tanto a estudantes como a profesionais do sector. A matrícula é gratuíta e debe formalizarse enviando ao correo electrónico audiovisual.agadic@xunta.gal o formulario de inscrición que pode descargarse na web da Agadic. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.

R., 2018-11-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES