Galicia acada as 39 unidades mixtas de investigación para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos
Nos vindeiros meses vanse mobilizar máis de 20 millóns de euros para apoiar nove unidades mixtas nas cales centros de coñecemento e empresas colaboran para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos. Así Galicia acada as 39 unidades mixtas -31 de nova creación e 8 de consolidación-; a mobilización de 114 millóns de euros grazas a axudas da Axencia Galega de Innovación por máis de 34 millóns; e a creación ou consolidación de 580 empregos cualificados. As unidades mixtas de nova creación concentran a súa investigación nos sectores aeronáutico, naval, forestal, automoción e de materiais.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha mobilización de máis de 20 millóns de euros para apoiar nove unidades mixtas nas cales centros de coñecemento e empresas colaboran para impulsar a I+D+i en sectores estratéxicos. Así, subliñou, Galicia acada, desde o inicio do programa, as 39 unidades mixtas -31 de nova creación e 8 de consolidación-; a mobilización de 114 millóns de euros grazas a axudas da Axencia Galega de Innovación por máis de 34 millóns; e a creación ou consolidación de 580 empregos cualificados.
Coñecemos hoxe a resolución da quinta edición do Programa de unidades mixtas de investigación e volvemos constatar que Galicia segue atraendo a innovación, dixo, precisando que con esta nova edición se apoiará a creación de cinco novas unidades e a consolidación doutras catro, creadas en 2015, en sectores estratéxicos da economía galega como a automoción, o naval, o aeronáutico, o biotecnolóxico, o forestal e o metalúrxico.
Logo de precisar que estas nove unidades contribuirán á creación ou mantemento de 133 postos de traballo de alta cualificación, o responsable do Executivo autonómico salientou que as cinco unidades mixtas de nova creación concentran a súa investigación nos sectores: aeronáutico, naval, forestal, automoción e de materiais.
Na primeira destas cinco unidades mixtas colaborarán Navantia e Aimen, que buscarán novos materiais e sistemas automatizados para a fabricación avanzada. Na segunda, Everis e o Instituto Tecnolóxico de Galicia cooperarán na xestión do tráfico aeroportuario. Na terceira, Finsa e a Universidade de Santiago de Compostela innovarán no desenvolvemento de modelos de economía circular vinculada ao sector forestal. Na cuarta, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia e o Grupo Antolín avanzarán nunha nova xeración de interiores de vehículos ante os futuros retos da mobilidade. E na quinta, o centro tecnolóxico Aimen e ArcelorMittal desenvolverán tecnoloxías facilitadoras para a fabricación de produtos de aceiro.
Ademais, tamén se conceden axudas para a consolidación de iniciativas xa en marcha grazas a este programa, nas cales colaboran Cetaqua Galicia e Viaqua, coa creación do Centro de innovación galego de sistemas avanzados de tratamento de auga (CIGAT); Navantia e a Universidade da Coruña, que traballan no estaleiro 4.0; CTAG e Viza Automoción, que avanzan no desenvolvemento da fábrica intelixente; e a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela xunto con Roche Farma, que traballan na oncoloxía de precisión.
Finalmente, concluíu subliñando que neste programa traballan, de forma conxunta e coordinada, un total de 28 multinacionais líderes nos seus respectivos sectores e 13 centros de coñecemento galegos.
R., 2018-11-15
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.