Noticias

O xigante da distribución china Bright Food impulsa a entrada de Galicia e os seus produtos no país asiático

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o apoio da multinacional chinesa Bright Food na I Feira de Importación de China, na que participan 14 empresas galegas do sector agroalimentario, está dando a oportunidade de consolidar a entrada de produtos galegos no país asiático. Nesta misión comercial, Conde estivo acompañado dos presidentes da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, e da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro.

“Nesta feira de importación de China foron ata o de agora máis de 150.000 visitantes os que teñen a ocasión de coñecer os nosos produtos diferenciados pola súa calidade e pola súa innovación”, sinalou Francisco Conde. “Unha oportunidade para que Galicia estea presente na segunda economía do mundo, que nos está permitindo que poidamos seguir falando en clave de internacionalización e, sobre todo, traballando conxuntamente co tecido produtivo para abrir novas oportunidades”, abondou.

Conde engadiu, ademais, que o memorando asinado coa Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos, “permitirá tamén que outros sectores máis alá do agraoalimentario -como a automoción, a aeronáutica, o naval, e o téxtil- poidan explorar alternativas, novas posibilidades, e que esta alianza que Galicia ten con China e ten con Bright Food sexa unha fonte de oportunidades para outros sectores produtivos”.

A propia delegación de empresas que participou nesta feira comercial, unha das máis importantes do mundo en materia de importacións e pola que pasaron máis de 150.000 visitantes, destaca que son moitas as portas que se abren nun evento así para introducirse no mercado chinés e as posibilidades de negocio que se poden aproveitar.

Trátase de Pescanova, Albo, Bodegas Martín Códax, Vinigalicia, Viña Costeira, Lanzal-Galfrío, Galmesano, Mieles Anta, Mejillones Nidal, Feiraco Lácteos, Bodegas Terras Gauda, Grupo Pereira, Grupo Coren e Aceites Abril. Os seus produtos foron os protagonistas dunha degustación que correu a cargo do Centro Superior de Hostalería de Galicia á que estiveron convidadas máis de 500 persoas.

Así, desde Pescanova, Rosa Pardellas, export manager da multinacional, cualificou este evento como unha oportunidade excelente para relanzar as vendas da compañía en China noutras canles nas que aínda non están presentes. Ao igual que desde o Grupo Pereira, o director de Relacións Externas, Roi Andrade, considera China como un mercado prominente con grandes oportunidades e aseguran que estar presentes nesta feira acompañados de Bright Food e da Xunta dá máis visibilidade á empresa e permítelle analizar posibilidades de cara ao futuro. Unha liña na que tamén se expresou o director de Exportación de Conservas Albo, Francisco Mato, que asegura que China é un mercado co 25% da poboación mundial e pode ser unha boa base para o crecemento da compañía.

Reunión con Bright Food e con empresas galegas asentadas en China

Pola súa banda, nunha xuntanza que o conselleiro mantivo co presidente de Bright Food, este eloxiou a calidade da industria agroalimentaria galega e resaltou o interese que as empresas chinesas están reflectindo nela e nos seus produtos; especialmente, nas conservas, no peixe, e no sector vitivinícola. Nesta liña, amosouse disposto a abrir vías de colaboración entre China e Galicia para seguir impulsando as relacións comerciais no ámbito da industria da alimentación. Durante este encontro, Conde agradeceulle o apoio prestado ás empresas galegas e convidouno a visitar Galicia.

No transcurso da viaxe, o titular de Economía, Emprego e Industria, tivo tamén ocasión de reunirse con algunhas das empresas galegas que xa están presentes en China na Antena de servizos de apoio á Internacionalización da Empresa Galega en China, dependente do Igape. En concreto, con directivos do Grupo Pérez Torres Marítima, Aceites Abril, Innolact, Kaleido Logistics, Hijos de Rivera e o Grupo Pereira. Con eles, conversou sobre a súa experiencia no mercado chinés e sobre as posibilidades de seguir medrando neste país.

R., 2018-11-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES