Noticias

A Cidade da Cultura recibe ás promesas mundiais do xadrez

O Campionato Mundial de Xadrez das categorías sub-8, sub-10 e sub-12, que se celebrará ata o 16 de novembro no Gaiás, transformará á Cidade da Cultura na capital mundial deste deporte e reunirá ás mellores promesas, tanto galegas como internacionais. Con case 850 xogadores inscritos procedentes de 85 países, o Mundial de Xadrez Cadete será o máis numeroso en canto á participación dos tres da categoría que se teñen celebrado ata agora. A delegación galega estará formada por 69 xogadores, 54 nenos e 15 nenas procedentes de clubs das catro provincias.

A competición comezará oficialmente o domingo 4 de novembro e xogaranse 400 partidas simultáneas cada día, nun total de 11 rondas e seguindo as normas do sistema suízo por puntos. Este sistema permite integrar os xogadores máis fortes con aqueles de menor nivel, ofrecéndolles a posibilidade de xogar o mesmo número de partidas ao longo de todo o campionato.

Os afeccionados ao xadrez poderán seguir o Mundial vía streaming na web do campionato (www.wccc2018.com) ou achegarse ata a carpa instalada no exterior do Museo Centro Gaiás para vivilo máis de cerca en directo.

A celebración desta competición na Cidade da Cultura confirma que o complexo do Gaiás ten a capacidade, infraestruturas e recursos para acoller citas internacionais de primeiro nivel, tanto deportivas como profesionais e culturais. Ademais, supón un importante pulo ao sector turístico galego. Co gallo do Mundial de Xadrez, case 2.000 persoas –entre xogadores, acompañantes e árbitros– visitarán Santiago de Compostela e outras localidades galegas entre o 3 e o 16 de novembro.

O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federacións galega, española e internacional de xadrez, co apoio da Xunta de Galicia –a través da Fundación Cidade da Cultura e da Secretaría Xeral para o Deporte–, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes. Ademais, colaboran neste evento a asociación de empresarios Compostela Monumental, GADIS, AENA, Área Central, LaLiga4Sports e Chess24.

R., 2018-11-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES