Noticias

A 23ª edición do Festival de Cine OUFF, da man da Deputación de Ourense, do 29 de novembro ao 5 de decembro

O Presidente da Deputación, Manuel Baltar e a presidenta da fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, asinaron o protocolo de colaboración para a organización deste evento audiovisual, que terá a Miguel Anxo Fernández como coordinador artístico e a Aurelio Gómez Villar como coordinador técnico

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a presidenta da fundación “Carlos Velo”, Carmen Leyte, asinaron o protocolo de colaboración para a organización da 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF), que se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro e que terá a Miguel Anxo Fernández, vicepresidente da fundación “Carlos Velo”, como coordinador artístico, e ao asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, como coordinador técnico.

No acto presentouse tamén o logotipo do Festival e Manuel Baltar avanzou que o vindeiro venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobará as bases da sección oficial e do concurso de curtas. Os filmes exhibiranse no centro cultural “Marcos Valcárcel”, no Teatro Principal, no Auditorio de Ourense, no Liceo e na sala do Cineclube “Padre Feijoo”.

Esta nova edición do Festival de Ourense, que comeza a súa andaina da man da Deputación de Ourense, é froito da cooperación entre a institución provincial, o Concello de Ourense –que cede a marca do certame- e a Xunta de Galicia –que colabora economicamente-, destacou o presidente do goberno provincial, agradecendo ás dúas institucións “a súa implicación na iniciativa audiovisual máis importante da nosa provincia”, e remarcou que desde a Deputación de Ourense “darémoslle todo o apoio necesario ao Festival para que sexa o referente do audiovisual de Galicia, co obxectivo de que a provincia de Ourense siga a liderar a histórica tradición que ten no mundo do cine”, afirmou Manuel Baltar.

Baltar expresou que desde o minuto 1 a Deputación de Ourense “se puxo a disposición do concello para poder organizar o Festival”, e tivo tamén palabras de agradecemento para a fundación “Carlos Velo”, “implicada ao máximo con este proxecto, o que permitirá levar ao Festival máis aló dos días de celebración do evento, para que teña continuidade e presenza non só na capital ourensá senón tamén noutros concellos da provincia”, citando a Carlos Velo, Xosé Suárez, Antonio Román, Isaac Fraga, Suevia Films, Chano Piñeiro ou Rodrigo Cortés, como algúns dos nomes e entidades “que fixeron e seguen facendo grande o cinema da nosa provincia co seu traballo”.

Un Festival de Ourense que terá como traza de identidade a máxima interactividade co público e que pretende “ser un punto de encontro e colaboración do audiovisual da provincia de Ourense”, destacou Miguel Anxo Fernández, quen cualificou como “edición de emerxencia” a convocatoria deste ano, pero, engadiu, “sacarémola adiante en tempo récord polo ben do noso cinema e para seguir mantendo un dos festivais de cine máis antigos de Galicia”, subliñando como unha das singularidades do Festival de Ourense “a súa implicación e vinculación con México”.

O equipo do Festival

O equipo humano que integra a edición deste ano está formado por: Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico; Aurelio Gómez Villar, coordinador técnico; Xosé Manuel Rodríguez, xornalista e durante anos xerente das Xociviga do Carballiño; Xosé Enrique Acuña, documentalista fotográfico; Antonio Piñeiro, xornalista e vinculado ao CeMAC; Chema Paz Gago, catedrático de Comunicación Audiovisual da UDC, e Laura Gardós Velo, presidenta honoraria da fundación “Carlos Velo”, cineasta e guionista. Asimesmo, participan César Silva, xornalista vinculado historicamente ao Festival; Eduardo Galán, crítico cinematográfico; Paulino Pérez, profesor de Comunicación Audiovisual na Uvigo e coordinador do CeMAC; Miguel Grandío, graduado en Comunicación Audiovisual e coordinador do certame de curtas; Aldara Pagán, graduada en Comunicación Audiovisual; Suso Obenza, deseñador gráfico e autor do cartel e da imaxe gráfica do Festival, e por parte do “OUFF Escola”, Ani Cacabelos.

O presidente do goberno provincial destacou que a Deputación de Ourense “asume este compromiso segura de que o futuro do festival está garantido, cun renovado impulso e organización”, na mesma liña que Carmen Leyte, quen afirmou que para a fundación “Carlos Velo” “supón unha honra colaborar na organización do Festival de Ourense para que siga co seu longo percorrido”.

Neste sentido, o protocolo asinado entre a Deputación de Ourense e a fundación “Carlos Velo” recolle que a institución provincial asumirá con cargo aos seus orzamentos os gastos de organización, e adscribirá, nas datas, horario e para as funcións que se determinen no seu momento, persoal propio, para a realización de tarefas necesarias para a organización do OUFF 2018, ademais de pór a disposición do Festival os espazos da súa titularidade: Teatro Principal e centro cultural “Marcos Valcárcel”, nas datas e horario que se determinen.

Pola súa banda, a fundación asume a dirección, coordinación e execución da parte artística do festival de cine, incluídas as actividades culturais complementarias; a selección e visionado das películas, tanto as da sección oficial, como as dos ciclos paralelos; e a organización e gastos da exposición “O retrato maior do noso cine”, de Xulio Gil, dentro das actividades complementarias do Festival.

R., 2018-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES