Noticias

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, O Fiot, A Roda, O Festival de Cans, Antón Santamarina, O Sorriso de Daniel e Ramón Villares, Premios da Cultura Galega

Xosé María Álvarez Cáccamo, Luz Darriba, o Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT, o grupo A Roda, o Festival de Cans, Antón Santamarina, a Asociación O Sorriso de Daniel e Ramón Villares son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2018. Os premiados foron distinguidos nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior, respectivamente, por un xurado que estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.

A Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, acolleu hoxe a reunión do xurado, do que tamén formaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas, por delegación da súa presidenta; a tesoureira da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, por delegación do presidente da institución; a académica numeraria da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Asunta Rodríguez, por delegación do presidente da entidade; o reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Manuel Aldea Moscoso, editor e xestor cultural; a directora de cine, guionista e produtora Zaza Ceballos, a escritora María Solar Núñez e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truqe. Actuou como secretaria a xefa do servizo de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral da Cultura, Marta Bardal Sanmiguel.

Xosé María Álvarez Cáccamo, Letras

Na modalidade de Letras o galardoado é Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual. Licenciado en filoloxía románica e profesor de literatura entre 1973 e 2010, o vigués é autor dunha prolífica obra que, desde a publicación do seu primeiro poemario, Praia das furnas, en 1983, non deixou de medrar. Ademais de poesía, cultivou relato breve e teatro, e realizou numerosos estudos centrados na poesía galega da segunda metade do XX, ademais de incursións na literatura infantil. A calidade do seu traballo fíxoo merecedor de destacados premios, como o Esquío, o González Garcés, o Arume de Poesía para Nenos ou os da Crítica de Galicia e de España.

Luz Darriba, Artes Plásticas

A creadora Luz Darriba fíxose co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. Nada en Montevideo e emigrada a Galicia en 1990, é autora de 40 macroaccións urbanas, entre as que destacan intervencións como Cumulum, coa que rodeou a muralla de Lugo con máis de medio millón de libros para favorecer a súa declaración como patrimonio da humanidade pola Unesco. A denuncia da discriminación e a violencia contra as mulleres é o eixo central da obra da artista, que ten realizado máis de 250 mostras colectivas en países como Arxentina, Uruguai, Brasil, Costa Rica, Francia, Luxemburgo, Alemaña, Xapón, Malaisia, Reino Unido, Estados Unidos ou Bélxica e máis de 50 exposicións individuais internacionais.

FIOT, Artes Escénicas

En Artes Escénicas o recoñecemento é para o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT, todo un referente na difusión e visualización das artes escénicas de Galicia. Celébrase en Carballo desde 1992, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte en colaboración co Concello de Carballo. Desde o seu inicio foi medrando de xeito exponencial tanto na calidade das programacións como na fidelización de público. Pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia, cun programa que vén ofrecendo unha trintena de obras e preto de 100 actividades paralelas.

A Roda, Música

Os Premios da Cultura Galega 2018 distinguen A Roda en Música. O grupo cumpre en 2018 catro décadas enriba dos escenarios; toda unha vida dedicada a promover e a difundir a música galega. Expoñente da música popular galega, da música de taberna, algunhas das letras das súas cancións, como “Pousa, pousa” ou o “Miudiño”, acadaron ao longo destes corenta anos unha extraordinaria difusión tanto dentro coma fóra de Galicia. Recibiron numerosos premios e publicaron 17 traballos discográficos, que avalan a traxectoria dun dos grupos en activo máis antigos e comprometidos coa lingua galega.

Festival de Cans, Audiovisual

O galardón en Audiovisual é para o Festival de Cans, un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

Antón Santamarina, Lingua

En Lingua o premiado é Antón Santamarina (A Fonsagrada, 1942), lingüista, catedrático de filoloxía románica pola Universidade de Santiago e membro de número da Real Academia Galega. Secretario do departamento de Lingua Galega na Xunta preautonómica en 1979, onde iniciou a implantación do ensino do galego na EXB e o BUP, vén realizando un destacado labor de investigación en diferentes áreas da lingüística galega, entre as que destaca a lexicografía. Neste ámbito publicou o Dicionario de dicionarios e actualmente dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Ademais, está colaborando na redacción do dicionario académico. O Atlas Lingüístico Galego (1987-2003) ou o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa) son outros dos proxectos nos que tomou parte.

O Sorriso de Daniel, Patrimonio Cultural

O Sorriso de Daniel, que toma o seu nome da escultura do profeta Daniel no Pórtico da Gloria, é unha asociación creada en Santiago de Compostela en 2010 cuxos fins fundacionais son promover, defender, estimular e apoiar a conservación do patrimonio medieval galego e mais difundir, tanto dentro coma fóra de Galicia, este patrimonio, particularmente todas as manifestacións da arte románica: arquitectura, escultura, pintura, artes suntuarias etc. Con este fin, vén desenvolvendo un amplo labor de actividades baseadas na defensa e promoción do románico galego, coa realización de conferencias, itinerarios culturais e visitas guiadas, entre outras iniciativas.

Ramón Villares, Proxección Exterior

Ramón Villares (Xermade, 1951), Premio Cultura Galega de Proxección Exterior, é un dos historiadores e intelectuais máis relevantes da Galicia dos últimos lustros e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018, período en que a institución centrou unha parte importante do seu traballo no impulso da acción exterior. Destacan nesta liña proxectos vinculados coa posta en valor da memoria e dos legados dos emigrantes galegos, con iniciativas como Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia; ou coa recuperación da historia do asociacionismo galego na emigración, materializada na exposición Nós mesmos.

O recoñecemento á excelencia creativa, á capacidade de intercambio, á experimentación e á proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos é o principal obxectivo dos Premios da Cultura Galega, convocados polo Goberno galego a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

R., 2018-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES