Xornalistas asiáticos e finlandeses visitan esta semana enclaves do Camiño de Santiago para promovelo nos seus países
Un grupo de xornalistas asiáticos e outro de xornalistas finlandeses están a visitar esta semana a Comunidade galega para coñecer parte dos recursos asociados ao Camiño de Santiago e promover así a ruta xacobea en países como Singapur, Indonesia, Malasia, Filipinas ou Finlandia. Convidados por Turismo de Galicia, os profesionais finlandeses coñecerán diferentes lugares emblemáticos do Camiño Portugués da Costa, neste ano no que o Goberno galego dedica gran parte dos seus investimentos e esforzos de promoción a este itinerario xunto ao Camiño Portugués.
Estes xornalistas, todos eles da revista especializada en viaxes Mondo, coñecerán tamén algúns recursos patrimoniais e enogastronómicos asociados a este itinerario.
O seu percorrido inclúe unha visita á Denominación de Orixe Rías Baixas así como a un dos albergues da Rede Pública de Albergues do Xacobeo para coñecer o modelo de xestión da Xunta na acollida aos peregrinos. Xunto ao Camiño Portugués da Costa, tamén coñecerán enclaves do Camiño de Fisterra e Muxía con visitas a recursos como o Santuario de Nosa Señora da Barca, que forma parte dun dos dez produtos cabeceira de marca Galicia, Santuarios Máxicos.
Este itinerario xacobeo tamén formará parte da viaxe do grupo de xornalistas asiáticos que coñecerán ademais varios lugares emblemáticos do Camiño Francés, incluíndo o percorrido a pé por algunha das súas etapas e a visita a un dos albergues da Rede Pública do Xacobeo nesta ruta. Tanto estes xornalistas como os finlandeses visitarán tamén a cidade de Santiago de Compostela, meta do Camiño de Santiago.
Cada vez máis internacional
Ambas viaxes están enmarcadas no traballo de Turismo de Galicia por promover a Comunidade entre os diferentes mercados internacionais, cumprindo así os obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020 que aspira a internacionalizar o destino. O Camiño de Santiago está a demostrar ser clave neste eido xa que máis da metade dos peregrinos que chegan a Galicia son estranxeiros e, no que levamos de ano, chegaron xa de preto de 170 países diferentes. A viaxe promovida por Turismo de Galicia está organizada en colaboración coas oficinas españolas de turismo en Australia e Helsinki.
R., 2018-09-18
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.