Noticias

Galicia intensifica os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China en Shanghai

A Comunidade galega vén de intensificar os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou esta semana en Shanghai con máis de corenta empresas e institucións españolas. A participación de Galicia neste encontro incluíu numerosas reunións bilaterais con varias das mellores empresas chinesas do sector. Os encontros permitiron incrementar a visibilidade de Galicia ante turoperadores e viaxeiros deste país.

Trátase dun mercado identificado como estratéxico no modelo turístico galego polo seu elevado interese cultural, a súa tendencia a buscar experiencias novidosas, así como por contribuír a desestacionalizar a demanda, ao tender a viaxar habitualmente en meses fóra de tempada alta, entre outubro e febreiro coincidindo co Ano Novo chinés.

O departamento de Turismo da Xunta difundiu entre os empresarios turísticos chineses a oferta relacionada coa natureza, a cultura, os destinos urbanos e a enogastronomía, así como o Camiño de Santiago que está a medrar a un ritmo dun 2% no caso dos peregrinos chineses. A viaxe a Shanghai coincide coa celebración do Ano do Turismo entre China e a Unión Europea e dá continuidade ao traballo emprendido polo Goberno galego nos últimos anos para intensificar o labor de promoción neste país asiático.

A viaxe institucional do ano pasado posibilitou o establecemento de contactos con representantes da Administración de Turismo de China (CNTA) e da súa principal axencia de viaxes online, o xigante Ctrip, que posteriormente realizou unha acción promocional en internet. Amais, Galicia continúa reforzando a súa presenza no país coa participación en feiras e encontros profesionais. Tamén se realizan diferentes viaxes de familiarización en Galicia con operadores e xornalistas chineses.

Interese en aumento

A Estratexia de turismo de Galicia 2020 ten entre os seus obxectivos a internacionalización da Comunidade como destino, eido no que a evolución dos últimos anos está a ser moi salientable. Neste eido, a folla de ruta do turismo galego sitúa este mercado asiático como un dos máis salientables para os vindeiros anos. Segundo datos da Asociación de Turismo España China (ATEC) -entidade organizadora do evento de Shanghai- o interese do turista chinés por España vai en aumento. Considerado como o país líder de turismo emisor do mundo, para 2020 prevense entre 150 e 200 millóns de turistas chineses no mundo.

R., 2018-09-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES