Noticias

Feijóo renova o compromiso cun rural con máis innovación, máis benestar e máis oportunidades e que siga apostando pola remuda xeracional

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, renovou o compromiso cun rural con máis innovación, máis tecnoloxía, máis cooperación, máis benestar social e con máis oportunidades; e que siga apostando pola remuda xeracional e que lle dea o protagonismo que lle corresponde á muller. Durante o acto de entrega dos premios Agader 2018, Feijóo lembrou que o rural leva modernizándose desde hai tempo grazas, en parte, a unha dobre implicación que o fixo posible: un cambio de mentalidade social e tamén un compromiso dos poderes públicos.

“E cómpre que ambas as dúas cousas se preserven se incrementen”, dixo, co fin de que o rural siga a ser unha opción de futuro.

Nesta liña, subliñou a posta en marcha por parte da Administración autonómica dunha batería de medidas que proban a aposta ambiciosa da Xunta polo rural dos últimos anos, entre as que destacou: as axudas a mozos para novas actividades non agrarias ou para grandes proxectos de transformación industrial; a aprobación dos adiantos da PAC; o plan específico para fixar poboación no agro, dotado con 230 millóns de euros e que recolle 23 medidas diferentes; a iniciativa impostos cero no rural, para comprar ou permutar predios ou para que un mozo merque unha vivenda; a revisión do plan forestal, co obxectivo de permitir unha mellor posta en valor dos montes; ou as axudas aos concellos que garantan a limpeza dos montes.

Así mesmo, resaltou a aprobación do Plan básico autonómico, presentado hai unhas semanas para facer de Galicia un territorio mellor ordenado e que contribúa a un maior desenvolvemento.

O titular da Xunta recordou ademais que o Plan de desenvolvemento rural pon de manifesto que cada vez máis mozas e mozos teñen interese por incorporarse ao medio rural. Non en van, a través das axudas desta iniciativa máis de 1100 mozos incorporáronse ao agro nos anos 2016 e 2017, o que significa que en só dous anos, conseguiuse o 50% do obxectivo marcado para 2023.

“Vivir no rural, vivir do rural xa non é dar un paso atrás. É un gran proxecto e un gran paso adiante”, aseverou, referíndose, a modo de exemplo, á aposta pola tecnoloxía de Trasdeza Natur, para transformar os produtos da horta ecolóxica a través de técnicas como o deshidratado solar; ao proxecto de Cristina Bañobre Lomba para arrendar e recuperar máis de 30 hectáreas para a produción hortícola; á incorporación da innovación ao mundo do viño feita por Levinred, unha cooperativa cosmética aberta ao mercado nacional e internacional; aos produtos delicatessen de Veigas de Sabugueiro; ou a aposta de Turisa Galicia polo turismo responsable, de excelencia e de calidade na Ribeira Sacra.

Ao longo do acto, o presidente da Xunta salientou tamén o Festival da Luz, que demostra que un pequeno concello como Boimorto pode ser o centro da música e da cultura en Galicia durante unha fin de semana; e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer en Ourense, “un exemplo de que as necesidades sociais non entenden de territorios, senón de persoas, e a todas hai que apoiar e atender axeitadamente”.

“E Cooperativas lácteas unidas CLUN foi tamén un paso adiante. Foino polo mero feito de unir miles de socios en lugar de dividilos e pola dignificación da muller no ámbito rural, para que deixe de estar dobremente discriminada por ser muller e selo no rural”, dixo, incidindo en que os oito premios Agader deste ano mostran que é posible modernizar con proxectos innovadores o medio rural, xerando emprego e riqueza.

R., 2018-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES