Noticias

O WOS Festival achega á Cidade da Cultura a Peter Kember, referente de culto do ‘Space-Rock’ e fundador de Spaceman3 e Spectrum

A Cidade da Cultura de Galicia convértese esta semana no epicentro do debate sobre as novas tendencias á hora de abordar proxectos culturais. No marco do WOS Festival, evento que celebra a cultura de vangarda desde espazos emblemáticos de Santiago de Compostela, o Gaiás acolle este mércores e xoves parte dos WOS Encontros, catro faladoiros abertos ao público entre os que destaca o encontro con Peter Kember (Sonic Boom), referente de culto da música moderna. Pioneiro e explorador constante do son, o músico británico marcou o desenvolvemento de xéneros tan diversos como o pop, o space-rock e a psicodelia ou a electrónica.

A responsable do Centro de Emprendemento Gaiás, Berta Álvarez-Buylla, e o director do WOS Festival, Iván Arias, inauguraron esta tarde no Auditorio Neira Vilas os encontros no Gaiás, cos que arranca esta edición do festival. Analizar e compartir novas formas de xestionar e facer cultura é o principal propósito destes faladoiros, cita obrigada, segundo afirmou Berta Álvarez-Buylla, para todas aquelas persoas que traballan no sector das industrias culturais.

A colaboración que a Cidade da Cultura mantén co WOS Festival desde hai tres últimos anos encádrase, precisamente, como parte da estratexia que está a desenvolver o Centro de Emprendemento para apoiar as iniciativas emprendedoras no ámbito da cultura.

Os WOS Encontros comezaron hoxe mércores cunha mesa redonda sobre a xeración de novas audiencias no ámbito cultural, coa participación de Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Álvaro Álvarez, da asociación Desconcerto Cultural, Ramón Souto, membro da orquestra de cámara Vertixe Sonora e promotor do festival Música e Arte: Correspondencias Sonoras, e Mónica Mura, artista interdisciplinar e comunicadora social que traballa na integración e visibilización de persoas e colectivos –en especial mulleres– en situación de risco ou vulnerabilidade.

Peter Kember, o explorador do son

O segundo encontro da xornada permitiu os asistentes achegarse á figura de Peter Kember, tamén coñecido como Sonic Boom, referente da música alternativa desde hai máis de 30 anos. Fundador, xunto a Jason Pierce, da influínte banda de space-rock Spaceman3, Kember falará dos seus múltiples proxectos en solitario ou en colaboración con artistas e bandas tan relevantes como Silver Apples, pioneiros da psicodelia electrócnica, Yo La Tengo ou Stereolab.

Na súa vertente máis experimental, o músico británico puxo en marcha o proxecto E.A.R., Experimental Audio Research, un colectivo aberto dedicado á improvisación e á exploración sonora empregando sintetizadores analóxicos, no que participaron artistas como Kevin Shields, de My Bloody Valentine ou Kevin Martin, do dúo Techno Animal.

Capaz de combinar a sensibilidade pop con innovacións sonoras que afondan no ritmo, o minimalismo e a repetición, o particular carácter explorador de Peter Kember ten influído, máis aló dos xéneros, en varias xeracións posteriores de músicos. Unha transcendencia que fai desta charla na Cidade da Cultura un acontecemento tan importante como o propio concerto que o músico británico dará ao día seguinte.

Innovación e sustentabilidade

Os WOS Encontros continúan o xoves día 13 no Gaiás con dúas mesas redondas nas que se falará de novos medios e narrativa de datos e tamén da aposta pola sustentabilidade na organización de festivais. Nesta última daranse a coñecer catro das iniciativas máis interesantes que se están a programar en España e Portugal. Emprazamentos inusuais, novas vías de financiamento e un firme compromiso coa sustentabilidade, a descentralización cultural e as novas tecnoloxías son as súas cartas de presentación.

O venres 14 e o sábado 15 os encontros do festival trasládanse ao Centro Galego de Arte Contemporánea, onde o debate se centrará en analizar o panorama da música electrónica en España e as políticas de xestión cultural.

R., 2018-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (bosque-03.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello deu o visto e prace ao Plan de prevención de incendios forestais que estará en vigor ata marzo do 2025 e 'que estará dotado de 41 millóns de euros, un 6% máis que o anterior'. Entre outros fitos, este plan 'prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas e case 5.000 puntos de auga'. Entre as principais novidades está o obxectivo da Xunta de avanzar na prevención dos lumes mediante o uso da gandaría en extensivo.
Foto de la tercera plana (salto-cuantico.jpg) O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) colaboran ao longo deste ano 2024 nun programa de actividades para dar visibilidade ao vínculo entre a arte e a ciencia. O obxectivo é descubrir relacións que non sempre son evidentes pero que historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Neste contexto, e co gallo do Día Mundial da Cuántica, este domingo preséntase no centro museístico compostelán a peza Salto cuántico, encargada polo CESGA, entre outras actividades.

Notas

Un mes de teatro universitario con representacións chegadas desde Galicia, León e Colombia. Así será a XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo, Miteu 2024, un evento cultural co que a Universidade convida á cidadanía a achegarse ao campus e gozar do teatro universitario máis actual, tanto do que sae das aulas galegas como daquel que se forxa máis aló da nosas fronteiras.
A Cátedra do Camiño e das Peregrinacións da USC, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, acaba de estrear a Base de Datos de Peregrinos a Compostela (Badapeco), unha ferramenta dixital de consulta e traballo en liña que permitirá poñer en contacto a persoal investigador, docentes, universidades e centros de investigación interesados en estudar e achegar novos datos sobre peregrinas e peregrinos a Santiago de calquera época a partir de fontes bibliográficas e documentais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES