Noticias

O curso 2018/19 comeza con 385 centros plurilingües, 63 máis que o ano pasado

Este curso 2018/19 producirase un incremento dos centros plurilingües, nos que ata un terzo do horario lectivo se imparte en lingua estranxeira. En concreto, o sistema educativo galego acada os 385 centros plurilingües, 63 máis que o ano pasado. Isto significa multiplicar por máis de 6,5 os 58 centros que había no curso 2010/11, cando se comezou con este sistema. 142 centros (7 por primeira vez no plurilingüismo) contarán con plurilingüismo en Infantil –denominado Plurinfantil–, 59 máis que o ano pasado. No caso de bacharelato, haberá 8 centros Pluribach (1 completamente novo no plurilingüismo).

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou esta mañá con motivo da entrevista dos Bos Días da TVG o incremento, para este curso 2018/19, dos centros plurilingües, nos que ata un terzo do horario lectivo se imparte en lingua estranxeira. En concreto, o sistema educativo galego acada os 385 centros plurilingües, 63 máis que o ano pasado. Isto significa multiplicar por máis de 6,5 os 58 centros que había no curso 2010/11, cando se comezou con este sistema.

Ademais, e no marco da Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, o plurilingüismo esténdese por segundo curso consecutivo a todas as etapas educativas, non só a primaria e secundaria.

Neste sentido, 142 centros (7 por primeira vez no plurilingüismo) contarán con plurilingüismo en Infantil –denominado Plurinfantil–, 59 máis que o ano pasado. No caso de bacharelato, haberá 8 centros Pluribach (1 completamente novo no plurilingüismo), pois ademais do IES Campo de San Alberto de Noia, do CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense, do CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense e do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense que por primeira vez o curso pasado ampliaron o plurilingüismo a esta etapa, agora súmanse o IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña, o CPR Plurilingüe Rías Altas de Culleredo, o IES Plurilingüe de Ames e o CPR Plurilingüe Apóstol Santiago de Vigo. Isto supón multiplicar por 100 os centros Pluribach en apenas dous anos.

En canto á Formación Profesional, 15 novos centros (13 completamente novos no plurilingüismo), un 214% máis que o curso pasado, serán recoñecidos como PluriFP. Deste xeito, o plurilingüismo na FP chegará a 22 centros, tendo en conta os 7 centros do 2017/18.

Ademais da extensión progresiva a Infantil (Plurinfantil), Bacharelato (Pluribach) e FP (PluriFP), este modelo segue consolidándose na etapa obrigatoria, á que se suman un total de 42 novos centros. En total, e sumando estes últimos así como os que se incorporan novos nas diferentes etapas (7+1+13), o conxunto de centros plurilingües ascende a 385.

Máis seccións e auxiliares de conversa

En canto ás seccións bilingües, aumentan en 296 ata chegar ás 4.441, un 7% máis con respecto ao curso pasado. Por provincias, 135 están na provincia de Pontevedra, 103 na Coruña, 20 en Ourense e 38 en Lugo. En canto ás linguas estranxeiras das novas seccións, 291 son de inglés, 4 de francés e 1 de portugués. Se se teñen en conta os datos do curso 2008/09, no que había 720 seccións, a actual cifra multiplica por case 6,2 este número.

A maiores, os centros educativos contarán cun total de 617 auxiliares de conversación, fronte aos 550 que había no curso 2017/18. Cómpre resaltar que a figura do auxiliar de conversa é un elemento clave para achegar a realidade cultural e lingüística do país de orixe ao alumnado galego. Levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando prácticas de conversa en linguas estranxeiras; e representan un vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo.

Primeiras certificacións de nivel

Ademais deste incremento de centros e seccións, cómpre resaltar que o modelo plurilingüe no só está funcionando no ámbito cuantitativo, senón tamén no cualitativo. En xuño deste ano realizáronse por primeira vez, ao abeiro da estratexia Edulingüe, as probas para certificar o nivel B1 e B2 de inglés do alumnado que finalizou a etapa de ESO e de Bacharelato nalgún dos centros plurilingües.

As probas, realizadas por Trinity College, mostran uns resultados moi satisfactorios, posto que dos 465 alumnos presentados, aprobaron 391. Isto é, o 84% dos estudantes que se presentaron aprobaron os exames, nos que había unha parte escrita e outra oral.

Tal e como resaltou o conselleiro, estes resultados demostran que o modelo plurilingüe polo que apostou Galicia non só funciona con éxito, senón que proporciona máis oportunidades aos mozos e mozas galegos e tamén os prepara para os retos vindeiros da actual sociedade globalizada. Neste sentido, cómpre resaltar que o nivel B1 é un requirimento que solicitan xa varias universidades para conseguir o título.

R., 2018-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES