Castelo maxistral é un éxito deste goberno da Xunta que, superando as dificultades, logrou traer por primeira vez á nosa terra este icónico lenzo para que todos os galegos e galegas poidan gozar dunha das pezas máis representativas da nosa arte e cultura, enxalzou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, na rolda de prensa que deu hoxe no Gaiás xunto ao comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane, e os presidentes das fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, Carlos Mella e Uxío-Breogán Diéguez, respectivamente.
Hai que recordar que Castelao pintou na capital arxentina, en 1945, A derradeira leición do mestre baseado na estampa nº 6 do seu libro Galicia mártir en homenaxe ao seu amigo e intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936. O óleo de máis de 2 metros de altura nunca tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires. Por este motivo, o conselleiro cualificou a mostra de inédita e irrepetible e gabou a xenerosidade desta institución senlleira da Galicia na diáspora nesta cesión temporal da obra. Ao respecto, quixo remarcar que Castelo maxistral tamén é un recoñecemento á Galicia emigrante, aos milleiros de homes e mulleres que salvagardaron o legado patrimonial galego e continuaron a actividade cultural durante boa parte do século XX ata a actualidade.
Homenaxe a Castelao e aos mestres
Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que a mostra supón, inicialmente, unha homenaxe a unha figura icónica como Castelao, do que lembrou que é un dos autores galegos máis universais e un dos que máis fixeron na defensa da cultura e da identidade dos galegos e galegas como pobo.
No entanto, tamén aclarou que a cerna de Castelao maxistral é pór en valor a labor dos mestres e mestras na construción dun sistema educativo público, no período que vai do inicio do século XX ata 1936. Nesta liña, afondou en que a exposición permite entender como a escola decimonónica, tan ben retratada nos debuxos de Castelao, experimenta nesa etapa fondas transformacións, impulsadas en boa medida por ideas pedagóxicas renovadoras.
Neste senso, o comisario da mostra e vicepresidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, enxalzou a figura de Castelao e o seu esforzo e compromisotal e como incidiu que amosan todos os traballos expostos en intentar conseguir en Galicia un ensino libre, universal e en galego. E destacou o fito de que Castelao maxistral supón poder contemplar reunidos por vez primeira nunha exposición todos os debuxos (40) que realizou o artista de Rianxo sobre o ensino obrigatorio en Galicia, que na época era ata os 9 anos.
A educación, unha ferramenta contra a intolerancia
O proxecto expositivo de Castelao maxistral tamén aborda a ruptura desta renovación pedagóxica que supuxo o estoupido da Guerra Civil. E aquí é onde o relato expositivo sitúa A derradeira leición do mestre. Ao respecto, o conselleiro amosouse convencido de que contemplación deste impresionante óleo espertará moitos afectos, mais fixo fincapé en que esta obra icónica de Castelao ten un impagable rol de reconciliación. A mostra céntrase en coñecer o pasado para comprender o presente, superando calquera forma de desprezo da opinión allea ou ánimo de desquite, argumentou. A educación concluíu Rodríguez, é unha gran ferramenta para evitar a intolerancia, o radicalismo e o fanatismo.
Por iso, explicou que para artellar e completar todo este relato expositivo, Castelao maxistral conta cunha ampla sección de pezas e documentos (92), depositados nos museos e institucións galegas ou pertencentes a coleccións particulares (32 en total) co obxecto de incidir na homenaxe ao grande esforzo e compromiso dos mestres e mestras deses anos para asentar as bases dunha educación pública, como institución central para a transmisión dos valores que vertebran unha sociedade democrática.