Galicia presenta en Suiza e Francia a súa capacidade e atractivo como destino para o turismo de congresos, eventos e negocios
Galicia presenta durante toda esta semana a súa capacidade e o seu atractivo como destino de turismo de congresos, eventos e negocios, o denominado sector MICE. O departamento de Turismo da Xunta participa nun workshop de M&I Fórums especializado no mercado francés e suízo. Ao longo de cinco xornadas de traballo, persoal técnico autonómico mantén reunións con operadores turísticos nas cidades de Lyon, Lausanne e Zúrich co fin de amosar o potencial galego neste eido. A Comunidade dispón de infraestruturas e recursos para acoller este tipo de actividades, un nicho de mercado que encaixa co modelo impulsado pola Estratexia do turismo de Galicia 2020.
A isto súmase a aposta pola excelencia como manifestan, entre outros parámetros, o liderado en Q de Calidade Turística, con 273 establecementos e servizos certificados.
O turismo MICE vincúlase a outros segmentos como o turismo urbano ou o enogastronómico nos que Galicia está a desenvolver o seu potencial como modelo de turismo slow. Neste sentido, preséntase como destino prioritario do chamado turismo bleisure, que combina os negocios co tempo de ocio, un termo xurdido dos vocábulos ingleses business e leisure.
Gasto e desestacionalización
A Estratexia do turismo de Galicia 2020, documento consensuado co sector que aposta por un turismo de calidade e responsable, conta cunha liña específica para o turismo MICE. Isto mostra a importancia que ten para o Goberno galego, consciente da capacidade de gasto deste perfil de viaxeiro e a súa influencia na desestacionalización. Esta potencialidade está avalada pola capacidade hoteleira da Comunidade, os seus palacios de congresos e feiras, conexións aéreas ou empresas especializadas. A estes factores únese unha contorna e unha oferta recoñecida pola súa paisaxe, enogastronomía, termalismo ou patrimonio.
R., 2018-08-31
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.