Galicia acadou no 2º trimestre un crecemento anual do 2,8%, máis que a media española, e creou 17.900 empregos a tempo completo
A economía galega acadou no segundo trimestre do ano un crecemento anual do 2,8%, máis que a media española, e creou case 18.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo en comparación co mesmo período de 2017, segundo as contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE). En termos interanuais o PIB galego avanzou no segundo trimestre un 2,8%, unha décima superior ao crecemento da economía española, que foi do 2,7%, segundo os datos avanzados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Segundo o IGE, o crecemento da economía galega entre abril e xuño sustentouse no incremento da demanda interna que avanzou un 3,0%- e no bo comportamento das exportacións de bens e servizos, que medraron un 4,5%. Os datos do organismo estatístico autonómico tamén mostran que a economía galega medrou un 0,6% con respecto ao primeiro trimestre. O avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional.
Ademais, no segundo trimestre produciuse tamén un importante crecemento da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial. O avance neste período foi do 8,1%, o maior rexistrado nos últimos doce anos.
Pola parte da oferta todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria cun incremento anual do 4,1% na industria manufactureira, a máis intensiva en emprego- coma a construción (6,0%) e os servizos (2,3%). Tamén se rexistra unha importante mellora do sector primario, que pasa de medrar un 0,3% a un 1,9%.
17.900 novos empregos a tempo completo
As contas trimestrais do IGE confirman tamén que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral. No primeiro trimestre creáronse 17.864 postos de traballo equivalentes a tempo completo, cun crecemento do 1,8% respecto ao segundo trimestre de 2017, dous décimas máis que o rexistrado no trimestre anterior. O incremento foi maior no emprego asalariado, ata situarse no 3,2%.
Os datos de contabilidade trimestral indican que o emprego a tempo completo está a medrar con forza na industria (3,9%), a construción (5,3%) e os servizos (1,8%).
R., 2018-08-30
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.