Noticias

A Cidade da Cultura recibe a 40 creadores emerxentes de Galicia e do resto de España no VIII Encontro de Artistas Novos

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, deu a benvida aos 40 creadores e creadoras que participan na oitava edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura de Galicia, EAN8. O Encontro, que promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento a través dunha residencia artística no Gaiás, está impulsado pola Xunta a través da Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Román Rodríguez destacou que desde a apertura en 2011 da Cidade da Cultura “tiñamos claro que a súa programación cultural debía contar con espazos abertos para o intercambio de ideas e a convivencia creativa”.

As oito edicións celebradas ata o de agora consolidan o EAN, en palabras de do titular de Cultura do Goberno galego, como “un encontro de artistas novos, pero non noveis, como demostra a notable traxectoria, e talento dos e das participantes seleccionados, que ano a ano reforzan o EAN como unha cita de referencia na axenda da arte contemporánea de Galicia e do resto de España”.

O acto de apertura, celebrado no Parque do Lago da Cidade da Cultura, contou tamén coa participación do director xeral do Banco Sabadell en Galicia, Pablo Junceda; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do EAN, Rafael Doctor e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Pablo Junceda destacou o compromiso da Fundación Banco Sabadell coa creación contemporánea destacando que “dedicamos todos os recursos que podemos non só a conservar a arte do pasado e do presente, senón a apoiar aos creadores que van ser o futuro da nosa arte e da nosa cultura”.

Pola súa banda, Rafael Doctor quixo lembrar que polo EAN pasaron xa máis de medio milleiro de creadores e creadoras emerxentes, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.
Artistas convidados

A calidade do programa do EAN, que ofrece a oportunidade de dialogar e aprender da man de artistas consolidados así como profesionais do ámbito xornalístico e curatorial, foi outra das cuestións postas de relevancia polo conselleiro de Cultura. Así, nesta edición contarase coa participación de María Moldes, Julio Falagán e Sandra Gamarra, que impartirán senllas conferencias e acompañarán aos e ás participantes ata o vindeiro xoves. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Fernando Sánchez Castillo, Enrique Marty, Ramón Balsa ou Daniel Canogar.

Pola súa banda, David Barro, Semíramis González e Javier Díaz-Guardiola participarán tamén como observadores ou art followers que, como novidade desta edición, intervirán nunha mesa redonda na terceira xornada do Encontro.
Residencia artística no Gaiás

Ata o vindeiro xoves, os e as artistas emerxentes participantes no EAN8 van ter a oportunidade de darlle visibilidade ao seu traballo no xa clásico Foro Aberto, onde realizarán unha presentación centrada no seu proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Ademais, co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o #EAN8 inclúe tamén visitas a centros de arte como o CGAC, a Fundación Granell e o DIDAC en Santiago de Compostela, e o Museo de Arte Contemporánea (MAC) na Coruña.

Por último, o Encontro de Artistas Novos ofrece a oportunidade de participar no Certame de Intervencións Artísticas das Torres Hejduk, convocatoria na que, a modo de desafío creativo, se convida a presentar un proxecto para este espazo singular. De feito, o EAN8 rematará coa inauguración da proposta gañadora na edición de 2017, un traballo que leva por título AAMA, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, do artista andaluz Francisco Ramallo.

R., 2018-08-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES