Noticias

O Museo Centro Gaiás combina arte, música e petiscos nunhas visitas comentadas ás súas exposicións os venres á noite

A Cidade da Cultura programa para as noites dos venres de final do verán unha descuberta diferente e distendida das grandes exposicións que acolle arestora o Museo Centro Gaiás: Baldomero Pestana, a verdade entre as mans e Galicia Universal. A arte galega nas colección de ABANCA e Afundación. Será a través das Nocturnas, unhas visitas comentadas moi especiais, fóra do horario habitual de apertura do centro, que rematarán da mellor maneira: con boa música e petiscos.

Deste xeito, as noites do 24 e 31 de agosto e do 7 e 14 de setembro o Museo Centro Gaiás acollerá á caída da noite –21 horas– As Nocturnas 2018, visitas comentadas ás exposicións que inclúen unha sesión DJ e unha degustación e cata de queixos, grazas á colaboración da D.O.P. Arzúa Ulloa.

As Nocturnas propoñen así unha viaxe emocional polas exposicións máis sensitiva aínda grazas ao ambiente íntimo e distendido que se xera nesta actividade. Grupos de máximo 30 persoas como únicos visitantes do Museo, música axeitada para o momento, espazo para a conversa e petiscos fan das Nocturnas un acubillo de creación, ritmo e lecer para as últimas noitiñas do verán. As dúas primeiras sesións achegaranse á mostra de Baldomero Pestana, mentres que as dúas últimas será a quenda de Galicia Universal. As entradas para as catro sesións xa están dispoñibles a través dos puntos de venda habituais e pode consultarse máis información sobre a actividade en cidadedacultura.gal.

Mergullarse no universo de Baldomero Pestana

As Nocturnas arrancan o venres 24 de agosto vinculadas á exposición Baldomero Pestana, a verdade entre as mans. As dúas primeiras sesións da actividade supoñen unha oportunidade de mergullarse dun xeito singular na vida e na obra deste fotógrafo galego (Castroverde, Lugo. 1917-2015), moi descoñecido entre o gran público, pero un referente da imaxe da segunda metade do século XX. Trátase da mostra máis ambiciosa realizada ata o momento sobre Pestana e recolle arredor de 150 fotografías que inclúen retratos de escritores e intelectuais como Pablo Neruda, Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa, Man Ray, Dizzy Gillespie ou Adolfo Bioy Casares; así como imaxes de denuncia social tomadas durante o seu traballo como fotoxornalista. As Nocturnas suporán unha das últimas oportunidades para achegarse ata esta exposición, que pecha as súas portas o 2 de setembro.

Galicia Universal, protagonista das Nocturnas de setembro

Nos dous primeiros venres de setembro será a quenda de Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. Nesta ocasión, as persoas participantes poderán facer un percorrido guiado pola arte galega dos últimos 150 anos a través das case 200 pezas desta mostra, entre pinturas, esculturas, fotografías e instalacións. Galicia Universal, que pode visitarse ata o 14 de outubro, reúne por vez primeira a máis dun cento dos artistas galegos máis relevantes, como Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro, ou Antía Moure, entre outros moitos.

As Nocturnas propoñen un percorrido comentado a través das distintas seccións que artellan a exposición e que permiten descubrir desde os grandes murais de Laxeiro, Lugrís ou Castelao, á representación da muller como imaxe do país, ou aos artistas máis contemporáneos, entre a abstracción e a nova figuración.

Verán no Gaiás

As Nocturnas enmárcase na programación de verán da Cidade da Cultura para 2018, que inclúe 67 actividades culturais e de lecer, pensadas para todos os públicos, que se desenvolven tanto no Museo Centro Gaiás como nos espazos exteriores do complexo. Ao longo de tres meses –ata mediados de setembro–, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no Bosque, Cidade Imaxinaria, Camiño ao Gaiás ou as Visitas Astronómicas. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.

R., 2018-08-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES