Noticias

114 novos centros incorporan o libro dixital no vindeiro curso 2018/19, con 18.000 alumnos beneficiados en toda Galicia

Un total de 114 novos centros sostidos con fondos públicos incorporarán o libro dixital nas súas aulas por primeira vez o próximo curso 2018/19, polo que o proxecto de educación dixital, E-Dixgal, acada os 267 centros beneficiados (un 70% máis que o curso pasado) e chegará a 18.000 alumnos, un 55% máis. Todos eles -estudantes de 5º e 6º curso de Primaria e 1º e 2º de ESO- recibirán unha ensinanza completamente dixital. Do total dos 267 centros E-Dixgal, 91 son da provincia da Coruña (38 novos para o vindeiro curso), 49 de Lugo (24 novos), 19 de Ourense (11 novos) e 108 de Pontevedra (41 novos). Por ensinanzas, do total de 114 novos centros, 66 deles incorporan o libro dixital na etapa de Primaria, 41 en Secundaria e outros 11 fano en Primaria e Secundaria.

Estes datos mostran o forte impulso que o departamento educativo da Xunta de Galicia, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de realizar no E-Dixgal. O proxecto naceu como experimental no curso 2014/15 coa intención de proporcionarlle aos centros da rede Abalar un proxecto integral para facilitar o desenvolvemento de proxectos de educación dixital mediante a incorporación de materiais específicos. Deste xeito, no vindeiro curso, o 27% dos centros de ensino obrigatorio públicos contan con proxectos de educación dixital, 17 puntos porcentuais máis que no curso 2014/15, cando arrancou esta iniciativa con carácter experimental e que agora se consolida.

Unha vez finalizado o carácter experimental do proxecto, e consolidado no seu procedemento, optouse por darlle un novo impulso mediante a súa ampliación, así como flexibilizando algúns dos requisitos. Deste xeito, na convocatoria deste ano reforzouse o proxecto en ESO cun plantexamento máis flexible e adaptable, posto que require un mínimo de seis materias no modelo dixital, mentres que ata agora se incluían todas as materias na iniciativa.

Tamén cómpre lembrar que, ata o momento, para acceder a este programa era necesario que os centros participaran no proxecto Abalar. A partires de agora subminístrase o equipamento informático necesario –fundamentalmente ultraportátiles para os alumnos– aos centros que non conten con el. De feito, a Xunta de Galicia realizou este ano a renovación dos equipos dos centros E-Dixgal, o que supuxo o reparto de máis de 13.000.

Edudixital 2020

Continúase así co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21.

Cómpre lembrar que os centros que se incorporan este curso poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé. Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.

Tamén neste curso se activará o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.

Os máis de 1.500 profesores, 18.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil...), as 24 horas do día os sete días da semana. O novo servizo contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.

Plan de formación propio

Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. De feito, todos os centros contan cun plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado.

Para o vindeiro curso 2018/19, ademais deste plan, en todos os Centros de Formación e Recursos (CFR) e no CAFI realizaranse cursos presenciais de iniciación e de profundización no manexo da contorna EVA E-Dixgal dirixida a todo o profesorado. Levaranse a cabo tamén diversas xornadas de actualización pensadas para aquelas persoas que realizan as funcións de coordinación do proxecto E-Dixgal nos centros educativos.

Ademais, ditos plans incorporan unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.

R., 2018-08-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES