A Rede Galega de Teatros e auditorios ofrécelle ao público de 39 concellos 601 propostas culturais en 2018
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) inicia o segundo período da súa programación anual de espectáculos escénicos e concertos coa actuación que a gaiteira Susana Seivane ofrecerá este sábado, ás 22,00 h., na praza de San Bieito de Gondomar. Esta será a primeira das 255 citas culturais que terán lugar entre os meses de agosto e decembro no marco deste circuíto da Xunta, que durante 2018 terá promovido 601 funcións en 39 concellos.
Para desenvolver esta intensa programación, a rede conta este ano cun orzamento de 1,63 millóns de euros, que achegan a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.
Este investimento vén rexistrando un continuo incremento nos últimos anos (dun 6,5% respecto a 2017 e dun 8,2% respecto a 2016) co obxectivo de reforzar o papel deste circuíto, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. De feito, en 2018 esta contía destínase integramente á contratación de 156 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.
Carteleira de agosto
Ademais do concerto de Susana Seivane, a carteleira da RGTA ten previstas outras oito citas para este mes. Catro delas terán lugar no patio do Colexio nº 1 de Foz cos espectáculos Ducan de palleiro de Lila Teatro (día 7), Animais de compañía de Teatro do Noroteste (día 8), Puño Puñete de Baobab Teatro (día 13) e A galiña azul de Tanxarina (día 14). Pensadas especialmente para o público familiar, estas funcións dará comezo ás 21,00 h.
Tamén en agosto, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá o día 9 os espectáculos musicais 24 Instrumentos populares galegos no Centro Cultural e Xuvenil de Muros (21,00 h.) e Keltia, o musical na praza Maior do Carballiño (23,00 h). Ademais, Talía Teatro representará Ubú Rei o día 23 na Casa da Cultura de Cee e Galemúsica, Alma, corazón y vida o día 25 na Alameda de Ortigueira.
Preto de 100 compañías no segundo semestre
A programación intensificarase a partir de setembro, xa que a Rede Galega de Teatros e Auditorios contratou para este segundo semestre do ano 97 compañías e grupos profesionais, dos que 87 teñen a súa sede en Galicia.
Tanto a programación desta rede como a do resto dos circuítos de espectáculos xestionados pola Agadic (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) pode consultarse nas seccións de axenda dos webs de Cultura da Xunta e da Agadic. Estas catro carteleiras suman 1.447 citas culturais en toda Galicia durante 2018, contía que supón un incremento do 15,7% sobre o total programado o ano anterior.
R., 2018-03-08
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.