Noticias

Novas liñas de axudas no marco do Plan estatal de vivenda cun orzamento de 12,5 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou hoxe co Ministerio de Fomento o convenio para o desenvolvemento en Galicia do Plan Estatal de Vivenda, con horizonte ata o ano 2021, no marco do que a Xunta publicará en agosto novas axudas por importe de 12,5 millóns de euros. Vázquez Mourelle explicou que estas novas subvencións se dirixirán á mellora da eficiencia enerxética nas vivendas; ao fomento da conservación, seguridade e accesibilidade; e á adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por mozos menores de 35 anos.

Subliñou que estas axudas se suman á convocatoria das de alugueiro, cun orzamento de case 15 millóns de euros, cuxo prazo de solicitude remata hoxe, tras ter adiantado a Xunta a súa publicación a finais do mes de xuño.

Destacou que o Goberno galego está a aproveitar ao máximo esta planificación estatal de axudas en materia de vivenda, con marcado carácter social, tratando de axilizar as convocatorias para que os beneficios do plan cheguen canto antes aos cidadáns.

Este plan foi acordado e aprobado polo anterior Executivo español cun incremento dos recursos para Galicia de máis do 60% con respecto ao anterior, un total de 107 millóns de euros que beneficiarán a 18.700 familias, que verán mellorada as súa calidade de vida, xerándose 11.000 empregos e unha mobilización de recursos de máis de 250 millóns de euros.

A conselleira sinalou que este investimento é posible porque a Xunta ten elevado ao máximo o financiamento autonómico, cunha achega de 25 millóns de euros, o que permitiu tamén acadar o tope de investimento do estado, que ascende a 82,2 millóns.

Subliñou a grande oportunidade que o plan significa para continuar avanzando nos grandes obxectivos do Goberno galego no eido da vivenda, unha materia prioritaria. Concretou que estes recursos posibilitarán continuar coa aposta autonómica pola rehabilitación e o impulso do alugueiro, coa loita contra os desafiuzamentos e a dinamización do rural.

R., 2018-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES