A MIT de Ribadavia remata cun récord de asistencia de espectadores
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia remata cun récord de asistencia de espectadores, chegando case ao 100% da ocupación das localidades no Castelo e cunha participación masiva nas rúas e nas actividades paralelas. O Premio do público recaeu na compañía A PANADARÍA, co espectáculo ELISA E MARCELA, superando por décimas á segunda máis votada, a mexicana Los Colochos con Mendoza. Esta edición destacou pola media alta de asistencia e valoración dos espectáculos, tamén pola proxección internacional e pola repercusión que a MIT está tendo en diversos ámbitos, do económico ao social.
Na MIT xurdiron temas relevantes como a pouca valoración do oficio da escenografía por parte de organismos coma a AGADIC da Xunta de Galicia nos proxectos de axudas públicas a produción de espectáculos, o precario mantemento e dotación dos teatros e auditorios de Galicia (moitos deles pechados á actividade escénica a maior parte do ano), a escasa tarefa que dende a administración se está a facer en relación coa proxección exterior do teatro galego ou a necesidade de dotar máis a un festival defendido por un volume de xente cada vez maior e máis forte. A MIT é un encontro festivo, reivindicativo, que traballa para o común e que precisa mellorar o seu financiamento con urxencia.
Usuarios e artistas, persoal técnico e visitantes esixen unha mellora das condicións económicas. As oportunidades de dar un salto aínda máis significativo desta capital teatral tamén parecen esixilo. A MIT 2018 foi a demostración de que dende a periferia, o teatro galego pode estar na vangarda, que non é un evento máis senón algo moi pensado e con longa tradición, que ten unha posición privilexiada para poder dicir algo na esfera internacional, como se demostrou coa estrea en Galicia dos espectáculos de Marianella Morena, Pippo Delbono, Lali Álvarez, Los Colochos, Blind Summit, etc.
Tamén, grazas á coprodución de Commedia, a MIT acompañará e abrirá portas e camiños para o espectáculo dirixido por Cándido Pazó e servirá de embaixadora en encontros de Brasil, México e Uruguai, a onde o festival xa foi convidado a participar grazas aos intercambios e redes establecidas no marco da 34ª MIT.
Como indicou o Director da MIT, Roberto Pascual, na inauguración desta 34ª edición, é preciso revolucionar para mudar e mellorar aspectos da xestión escénica e a MIT está demostrando a súa capacidade revolucionaria da man da xente, dunha cantidade cada vez meirande de persoas que gozan dun contraste diverso, de experiencias artísticas excepcionais e polo tanto, dun nivel e unha capacidade de acceso e goce do teatro contemporáneo cada vez máis grande. Porque temos dereito os galegos tamén a ter acceso a este tipo de teatro e a estar conectados co exterior dende o noso. Porque ser revolucionarios tamén é ir cambiando os focos, do grande ao pequeno, do centro á periferia. A MIT xa é un festival de referencia a nivel europeo.
R., 2018-07-23
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.