Medio Rural destina cinco millóns de euros a subvencionar os seguros agrarios
A comisión territorial de seguros agrarios reuniuse hoxe na Consellería do Medio Rural e valorou os avances neste ámbito en Galicia. Entre os datos destacados, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, sinalou os cinco millóns de euros que este ano achegaranse para subvencionar as distintas liñas de seguros en Galicia. Trátase da cantidade máis alta dos últimos seis anos. De feito a Xunta de Galicia fixo un importante esforzo para compensar a baixada de 10 puntos porcentuais que aplicou o Ministerio a todas as liñas de seguro agás a retirada de cadáveres.
De tal xeito que os agricultores e gandeiros mantiveran estable a subvención recibida en torno ao 40% en todas as liñas.
Así, logrouse manter e incluso mellorar as cifras. En concreto, no 2017 contratáronse 51.671 pólizas cunha superficie asegurada de 13.058 hectáreas e 25,5 millóns de animais. En total, o capital asegurado é de 662 millóns de euros. Belén do Campo fixo balance destes números na reunión na que participaron responsables da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), de Agroseguro, da Delegación do Goberno en Galicia, Organizacións Agrarias e cooperativas.
Co obxectivo de fomentar a contratación de seguros, a Consellería do Medio Rural non só apoia económicamente as pólizas, senón que tamén exerce campañas de divulgación e faino da man do propio sector. Así, desenvolveu accións coas cinco DO de viños, tamén ofreceu charlas sobre a pataca e o cereal, para o sector da flor e planta ornamental e, por último, para o vacún de leite.
Ademais, coma novidade, inclúe esta cuestión nas súas liñas de axudas, ben como requisito (na de incorporación de mozos) ou como criterio de prioridade (investimentos en explotacións), fronte a aqueles que non teñen aseguradas as súas producións. O ano pasado en Galicia, a través destes seguros o sector recibiu en compensacións máis de 23 millóns de euros.
Máis seguros para o viño
Durante a reunión, analizáronse tamén os bos resultados do programa iniciado por Medio Rural co obxectivo de fomentar a contratación de seguros no ámbito vitivinícola. O plan consistiu na creación dun grupo de traballo onde estiveron presentes todas as denominacións de orixe e a Evega, como centro especializado, e desta mesa saíu unha proposta de revisión dos prezos das indemnizacións que finalmente foi incorporada por Enesa.
Así, grazas a este cambio incorporado o 1 de outubro, a día de hoxe xa se rexistra un importante aumento no número de pólizas no sector, ao pasar de 518 en 2016 a 743 no 2017 (un 43% máis) e que darán cobertura para o presente exercicio. As hectáreas de uva para vinificación tamén creceron de 1.906 a 2.442. Respecto á quilos de uva asegurado chégase a 15,7 millóns, fronte aos 13 millóns de 2016.
Mesa de traballo para a castaña
Dado o éxito desta idea, no encontro acordouse seguir o mesmo esquema no ámbito da castaña. De feito, o secretario da IXP Castaña de Galicia participou na reunión e decidiuse constituír un grupo de traballo para fomentar a contratación de pólizas no sector.
R., 2018-07-20
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.