O Consejo Jacobeo aproba o logotipo oficial do Xacobeo 2021 e acorda pór en marcha os beneficios fiscais a partir de outubro
Os membros da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo aprobaron hoxe o logotipo oficial do Xacobeo 2021 a proposta do Goberno galego, que estivo representado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua e a comisaria do Xacobeo 2021. Co fin de actualizar algúns aspectos da marca, o novo logotipo retoma o punto de partida da imaxe anterior polo que a vieira continúa a ter protagonismo como un elemento iconográfico do Camiño de Santiago.
No redeseño realizado para o Xacobeo 2021, modeláronse as nervaduras da vieira para outorgarlles un maior volume e a imaxe simplifícase a unha soa, fronte as catro do anterior logotipo. Preténdese así facilitar a súa aplicación a contornas dixitais sen perder a identidade de marca. A vieira está acompañada da palabra Xacobeo 2021, para o que se creou unha tipografía específica de trazo suave aínda que compacto. Mantéñense o vermello e gris como cores corporativos.
A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo recordou que a partir do 1 de outubro de 2018 entrará en vigor o programa de beneficios fiscais que se aplicarán ata o 30 de setembro de 2021. Con estes incentivos preténdese fomentar a participación cidadá e empresarial nesta celebración e contribuír ao desenvolvemento social e económico dos municipios xacobeos.
Na reunión de hoxe, tamén se avanzou na definición das liñas xerais do programa de actividades que se desenvolverá durante os vindeiros tres anos coa intención de convidar ao diálogo ao redor do fenómeno xacobeo, impulsar o desenvolvemento das áreas do rural do Camiño de Santiago, promover este patrimonio como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e fomentar o coñecemento do Camiño de Santiago entre os novos.
O Consejo Jacobeo é o órgano de cooperación que facilita a comunicación entre o Goberno central e as comunidades autónomas do Camiño de Santiago, onde, ademais de Galicia están integradas o País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León.
R., 2018-07-19
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.