Noticias

81.000 asistentes de 42 países, 2.000 empregos xerados, e 0 incidencias, as cifras dun novo 'éxito rotundo' do Resurrection Fest

Máis de 81.000 persoas de 42 países abarrotaron a pasada semana o Concello de Viveiro co Resurrection Fest, xerando uns 2.000 empregos directos e indirectos, e sen ocasionar ningún tipo de incidente durante os catro días que durou a cita. Así o avanzou este mércores, na localidade mariñá, o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, e o Director do Festival, Iván Méndez Rodríguez. Santos Ramos apuntou que “un ano máis podemos cualificar de éxito rotundo o Resurrection Fest, pois durante catro días 81.350 persoas de 42 nacionalidades diferentes participaron no que xa é o festival de música metal e rock máis importante de España, e un dos máis relevantes de Europa".

"Evidentemente, isto supón un importante retorno económico para o Concello de Viveiro, que esgotou tanto as 2.000 prazas hoteleiras como as 12.000 de cámping municipal; para a Comarca da Mariña, pois moitas das localidades limítrofes recibiron visitantes; así como para o conxunto do territorio lucense. Neste senso, estase a elaborar un estudio do impacto económico do Resu na provincia de Lugo que publicaremos en próximas datas”.

O Deputado lembrou que “Deputación e Concello de Viveiro apostamos por este festival dende a súa primeira edición, da man de Melchor Roel, e hoxe en día seguimos sendo as administracións galegas que máis colaboran. Dende a Deputación, facémolo con máis de 130.000 euros, pois sabemos que apostar polo Resu é apostar pola provincia, como así o demostran as cifras desta décimo terceira edición do festival. Este festival xera un volume de negocio similar ao mundial de Rusia, porque o impacto no territorio é inmediato. Por cada euro investido pola Deputación, conseguimos un efecto multiplicador de 100 euros de beneficio”.

Loureiro García subliñou que “un dos aspectos máis salientables do certame é a xeración duns 2.000 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contratouse persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas
taquillas... e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis”.

Así mesmo, a Alcaldesa destacou “o bo ambiente que se respira durante o certame, proba disto é que nas 13 edicións que se levan desenvolvido nunca houbo ningún tipo de altercado nin trifulcas. Así, nun evento desta magnitude é de resaltar a inexistencia de calquera tipo de denuncia e tampouco se rexistraron incidencias con respecto ao mobiliario urbano. Neste senso, é de agradecer o civismo e bo comportamento dos asistentes e, por suposto, a implicación e boa acollida que sempre demostran os veciños de Viveiro e, especialmente, os de Celeiro, que durante varios días ven interferida a súa actividade cotiá, porque desde o Concello desviamos o tráfico, prohibimos aparcar, cortamos accesos, iso é necesario para que o festival se desenvolva con éxito, pero tamén grazas ao respecto, a tolerancia e a colaboración de todos os veciños. E como non, á organización de todos os equipos de seguridade”.

Finalmente, Méndez Rodríguez apuntou que “por terceiro ano consecutivo logramos colgar o cartel de cheo para a actuación principal, a do grupo estadounidense KISS, pois xa o conseguiramos con Iron Maiden na edición de 2016 e con Rammstein en 2017. Este éxito, sen dúbida, é un aliciente máis para seguir traballando de cara a conseguir superarnos na edición do ano que vén”.

R., 2018-07-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES