Semana do galego en Leeuwarden (Holanda), Capital da Cultura Europea 2018
A cidade de Leeuwarden, Frisia (Holanda), Capital da Cultura Europea de 2018, acollerá a semana do galego cun amplo programa de actividades. Grazas a Afûk (a institución que promove a lingua e cultura frisia), á Mesa pola Normalización Lingüística e á Fundación Vía Galego coa colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e do Concello de Pontevedra desde o 22 ao 29 de xullo o galego será o protagonista do Pavillón das Linguas. O proxecto Pavillón das linguas (Lân fan Taal) consiste en amosar a diversidade lingüística europea e a existencia de nacións que teñen máis dun idioma, sendo a lingua o elemento máis característico que lle confire identidade propia a unha comunidade de falantes.
Ademais diso, aproveitarase a estadía para intercambiarmos experiencias de éxito e estabelecer contacto con outras organizacións que traballan na promoción e defensa de linguas minorizadas ou minoritarias.
O Pavillón das Linguas é un edificio de madeira no que as persoas que se acheguen poderán coñecer a música, literatura, conferencias, presentacións, por medio da gastronomía e distintos medios de expresión de cultura das linguas minorizadas de Europa. Está aberto ao público desde marzo a outubro e semanalmente, unha lingua minorizada diferente de Europa é a protagonista.
Xa estiveron presentes entre outras linguas o gaélico, o eúscaro e tras o maltés a quenda do galego será a última semana de xullo. A semana do galego terá como eixo a literatura con recitais poético-musicais, concertos, conferencias e obradoiros da man de María Lado.
O domingo, o 22 de xullo, comezará a semana do galego cun encontro cultural co maltés (o protagonista da semana anterior). Na segunda feira, 23 de xullo María Lado ofrecerá un recital de poesía co que dará a coñecer á poboación frisia algunhas escritoras e algúns escritores da nosa literatura.
Na terza feira, 24 de xullo, as persoas que se acheguen ao Pavillón das Linguas poderán escoitar unha conferencia sobre a historia da nosa literatura.
O 25 de xullo, cuarta feira, Día Nacional de Galiza haberá unha festa onde a protagonista será a música galega. Ese mesmo día terá lugar O Café das linguas, unha actividade semanal na que María Lado ofrecerá un concerto baseado na música tradicional.
O sábado é o Día das Familias e durante todo o día haberá diferentes actividades para as crianzas frisias. María Lado co primeiro obradoiro, 5 minutos de poesía fará unha aproximación á creación poética e as crianzas rematarán elaborando uns versos en galego e frisio.
Pola tarde haberá dúas actividades. A primeira, consistirá en colorear o País das Letras mentres aprenden sobre a nosa literatura. A segunda, unha actividade lúdica que consistirá en mostrar as letras do noso abecedario e que as crianzas frisias nos mostren o seu abecedario. Neste día terá especial protagonismo a música infantil en galego.
A semana do galego rematará o domingo 29 de xullo. Ese mesmo o galego día daralle o relevo ao córnico e até outubro seguirán as actividades no Pavillón das Linguas.
R., 2018-07-18
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.