Anunciada a primeira convocatoria para identificar os Hubs de Innovación Dixital que Galicia quere impulsar
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe que a Xunta vai impulsar a posta en marcha de Hubs de Innovación Dixital como punto de encontro entre a empresa, a investigación e o financiamento. Así, avanzou, nunha xornada celebrada en Santiago de Compostela, que despois do verán se realizará a primeira convocatoria, baixo concorrencia competitiva, para identificar os Hubs que todos os axentes do sistema innovador queren impulsar en Galicia. A través da fórmula dos Hubs de Innovación Dixital, a Administración autonómica busca cohesionar a todos os axentes en torno a sectores estratéxicos
Deste xeito preténdese incentivar a colaboración entre eles e que iso dea lugar a novos proxectos conxuntos, de carácter novidoso e con capacidade para posicionar a innovación galega en Europa.
O obxectivo é que centros de coñecemento e empresas poidan desenvolver unha estratexia de colaboración firme, buscar os socios axeitados, establecer canles de comunicación, aliñar procesos e responder de forma flexible ás demandas do mercado e da sociedade. Así, os Hubs permitirán un mellor rendemento de todas as capacidades do sistema de innovación galego, facilitando o acceso das empresas ás oportunidades existentes no sector tecnolóxico. Neste sentido, o conselleiro sinalou que a Xunta xa mantivo encontros con 65 axentes de todo o ecosistema de innovación galego para avanzar no desenvolvemento dos Hubs.
Conde, que participou nun encontro sobre estratexias de apoio á Industria 4.0, incidiu na importancia da innovación colaborativa, converxendo empresas, centros de coñecemento e Administración, para impulsar a I+D+i e potenciar o desenvolvemento da nova revolución industrial. Sinalou neste sentido que a cooperación entre todos os axentes é a mellor fórmula para activar todos os resortes que compoñen o ecosistema de innovación, e aliñalos coas necesidades do tecido produtivo.
O reto é que a industria se sume á dinámica do descubrimento, que move o traballo dos centros tecnolóxicos e de innovación. Ese é precisamente o obxectivo do Plan Galicia Innova 2020, cun investimento público-privado de 1775 millóns de euros, para propiciar esa conexión entre o ámbito científico-tecnolóxico e a empresa.
Esta nova folla de ruta permitirá seguir fomentando o esforzo compartido que ten permitido que Galicia estea incrementando o gasto en I+D per cápita, o persoal contratado e o número de investigadores por cada 1000 ocupados. Ademais, a comunidade estase consolidando como a sexta en solicitudes de patentes.
Estes datos deixan de manifesto que a innovación e a tecnoloxía se atopan nun punto de inflexión sen precedentes que desembocará nun aumento da produtividade e nun maior crecemento económico. Apuntou Conde que a Industria 4.0 obriga ás empresas a pensar en como os mundos offline e online traballan xuntos na práctica, subliñando que o primeiro obxectivo dos hubs será precisamente axudar as empresas a integrar ese mundo online a través de proxectos de innovación punteiros.
R., 2018-07-16
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.