Noticias

Galicia é unha das primeiras Comunidades Autónomas en poñer en marcha un protocolo único de actuación para enfermos de ELA

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou esta semana a importancia do Proceso Asistencial Integrado da esclerose lateral amiotrófica (ELA) que mellora a atención sanitaria e social dos pacientes que sofren esta enfermidade neurodexenerativa, adecuando ambos sistemas ás súas necesidades. O documento homoxeneíza a atención, garantindo a equidade e a continuidade asistencial dos pacientes e converte a Galicia nunha das primeiras comunidades en dispoñer dun procedemento de actuación integral para doentes.

A súa elaboración vén referendar un dos compromisos adquiridos hai un ano polo Goberno galego, a través das Consellerías de Sanidade e de Política Social e o Sergas, coa Fundación Francisco Luzón.

O proceso asistencial impulsa as consultas hospitalarias de acto único en todos os centros hospitalarios do Sergas; define unha vía clínica da ELA e establece tempos máximos recomendados de resposta desde o diagnóstico precoz desta enfermidade (tanto no ámbito hospitalario como en atención primaria), ata a confirmación diagnóstica, a evolución e seguimento do doente e a abordaxe da fase final da enfermidade. Tamén establece un tempo máximo dun mes para a avaliación da dependencia por parte da Consellería de Política Social, o que axilizará a adxudicación dos recursos sociosanitarios necesarios a estes pacientes.

“Desgraciadamente non hai posibilidade de ofrecer unha solución á enfermidade, pero si podemos mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen, acompañalas desde o inicio e durante todo o proceso asistencial, prestando unha atención multidisciplinar, experta e personalizada a través do Plan Individualizado de Atención e coordinando todos os recursos que se fixan neste documento”, subliñou Almuiña durante a presentación do procedemento de actuación integral.

Neste senso, o documento recolle o conxunto de actividades secuenciais encamiñadas a establecer o diagnóstico de ELA en pacientes con síntomas suxestivos da enfermidade, desde un punto de vista global, integrando a atención dos sistemas sanitario e social, acompañando ao paciente e á súa familia até o fin da enfermidade e garantindo unha adecuada continuidade asistencial. O desenvolvemento do documento é froito da colaboración entre as Consellerías de Sanidade e de Política Social, do Sergas e representantes das asociacións de pacientes. Na súa redacción participaron 33 expertos en esclerose lateral amiotrófica e tamén se tiveron en conta as necesidades por parte das persoas con ELA .

“Este é un Proceso colaborativo, interdisciplinar, baseado na coordinación e na continuidade asistencial entre os distintos niveis asistenciais, que aproveita e mellora os recursos sanitarios e sociais dispoñibles e define novas formas de traballo en ambos ámbitos”, dixo o titular de Sanidade. Como exemplos destes novos deseños organizativos, Almuiña destacou “a organización das consultas de acto único nos hospitais do Sergas ou o compromiso de axilizar a tramitación da valoración da discapacidade aos pacientes con ELA para que a súa resolución se emita no prazo máximo dun mes dende o momento da solicitude”.

Tempos de resposta

O proceso asistencial establece unha vía clínica da ELA en cada centro hospitalario que garante que as persoas con sospeita fundada da enfermidade teñan a súa primeira consulta de neuroloxía nun tempo máximo non superior aos 15 días. Tamén se establecen tempos máximos recomendados para a realización de probas diagnósticas (un mes para o estudo neurofisiolóxico tras a solicitude e un mes para a realización da Resonancia Nuclear Magnética ou TAC).

Nas consultas de seguimento, os tempos máximos recomendados son de 15 días (para a revisión de resultados tras a realización das probas complementarias) e de 45 minutos de consulta por paciente. Tamén se impulsan as consultas hospitalarias de revisión interdisciplinar de acto único en cada unha das áreas sanitarias do Sergas e a creación da figura do coordinador, que exercerá de interlocutor directo co paciente e coa familia aos efectos da organización da consulta.

O proceso tamén contempla que a unidade de coordinación da dependencia da Consellería de Política Social manteña unha comunicación directa co ámbito sanitario ao obxecto de axilizar os prazos, garantindo que os trámites de valoración inicial, revisión e tramitación de recursos nas valoracións de dependencia ou discapacidade dos pacientes con ELA se resolvan nun mes. Outro dos aspectos destacados é a adxudicación da tarxeta AA para as persoas con ELA, como un compromiso da Consellería de Sanidade pola atención de forma preferente aos pacientes, e a abordaxe da fase final da enfermidade tanto de cara ao paciente como da súa familia.

R., 2018-07-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (emprego-oficina.jpg) Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Foto de la tercera plana (20240423-xunta.jpg) Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.

Notas

O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) da USC participa na organización do primeiro Congreso Internacional sobre Feminismos e Humor ‘HumorSofías’, que se desenvolverá os días 7 e 8 de maio na facultade compostelá de Filoloxía. A inscrición no encontro, organizado ademais pola Universidade Complutense de Madrid e o Middlebury College con financiamento da Deputación da Coruña, é gratuíta ate completar aforo.
Desde principios do ano 2023, persoal investigador das universidades de Vigo e Oviedo e da empresa EOSOL Ingeniería desenvolven o proxecto Antennas for Underground Communications. O seu obxectivo é proporcionar á Axencia Espacial Europea (ESA) o deseño conceptual dunha antena de comunicacións que poida funcionar no interior de covas da Lúa. A súa proposta vén de someterse con éxito a ensaios técnicos no campus de Ourense.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES