Noticias

Presentada a ecoetiqueta Pescaverde, que informa ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente

O grupo de expertos de investigación Biogrup da Universidade de Santiago de Compostela presentou hoxe en Portonovo, no Concello de Sanxenxo, a ecoetiqueta Pescaenverde. Esta ecoetiqueta aporta información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medioambiente e incorporarase aos produtos certificados baixo o selo de calidade pescadeRías. Ademais incorpora un software, deseñado polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da USC, co obxectivo de calcular a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética do sector.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou que Pescaenverde ten vantaxes para o sector, para o consumidor e para o mercado. Neste sentido, expuxo que aporta un valor engadido aos produtos que o incorporan, favorecendo a súa venda; máis información sobre o impacto ambiental dos produtos pesqueiros e a confianza dunha certificación apoiada cientificamente polo Grupo de Investigación de Biotecnoloxía Ambiental da USC.

Ademais a titular de Mar puxo de relevo que esta ecoetiqueta incorpora un software, deseñado co obxectivo de calcular a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética do sector. Nesta liña subliñou que esta ferramenta evidencia que as especies capturadas baixo as modalidades de pesca de pescadeRías, están nos límites aceptables de pegada de carbono e taxa de retorno enerxético.

A conselleira sinalou tamén que grazas a Pescaenverde os consumidores finais comprarán un produto con baixas emisións de CO2, froito dunha actividade más eficiente. Tamén permitirá aos armadores avaliar os seus custes de explotación e valorar os impactos económicos da eficiencia enerxética das súas actividades.

Por outra banda, Rosa Quintana destacou a aposta da Xunta pola valorización dos produtos e fixo fincapé na importancia da distinción. Unha distinción que leva aos consumidores a diferenciar os nosos produtos e a aumentar o seu consumo, indicou. Deste xeito, engadiu, “conseguimos fomentar a súa comercialización, promover o seu coñecemento e, sobre todo, valorizar ao noso sector”.

Esta distinción, sinalou a titular de Mar, debe “identificar correctamente os nosos produtos, freando o fraude na etiquetaxe, cumprindo cas esixencias normativas e aumentando a achega de información ao consumidor”. Neste aspecto Galicia leva traballando moitos anos, explicou, e puxo como exemplo a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia e o selo pescadeRías, de onde se non?, que garante a frescura e a calidade dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal. Tamén fixo referencia ao selo promocional Km 0 Margalaica, á iniciativa do GALP Ría de Pontevedra Pescadoartesanal.com ou ao certificado de pesca sostible do porto de Celeiro Friends of the sea.

Solicitude da ecoetiqueta

Para obter a ecoetiqueta Pescaenverde, o armador e/ou empresa de distribución en lonxa interesado deberá solicitalo á USC e indicar a especie para a que se quere obter a ecoetiqueta. Tanto o armador como a empresa comercializadora en lonxa deberán ter activa a licenza de uso do software pescaenverde 2.0 asociado á marca de garantía Pescaenverde. Ademais o armador ou a empresa distribuidora deberán preparar un informe onde se incluirá o cálculo da pegada de carbono e a taxa de retorno enerxética das especies que se queiran certificar. Neste proceso deberá intervir un consultor rexistrado, que asinará o informe.

A empresa certificadora autorizada emitirá un certificado que avale os datos rexistrados e os resultados obtidos no informe necesario para obter a ecoetiqueta Pescaenverde. Tanto o informe asinado polo consultor rexistrado como o informe de verificación da certificadora autorizada deberán remitirse en formato pdf á dirección de correo electrónico pescaenverde@usc.es e a USC verificará o cumprimento dos requisitos ecolóxicos necesarios para autorizar o uso da marca. A concesión de licencia do uso da marca implica a sinatura dun contrato de licenza entre a USC e as empresas (armador e distribuidor) para a utilización da ecoetiequeta pescaenverde de ata un máximo de 3 anos.

R., 2018-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES