Noticias

Científicos galegos descobren novos mecanismos implicados na enfermidade do Párkinson

A enfermidade do Párkinson é un trastorno neurodexenerativo que afecta o movemento das persoas. Prodúcese debido á perda ou dexeneración de neuronas situadas na substancia negra, unha estrutura que se atopa na parte media do cerebro. Esta perda provoca falta de dopamina, un neurotransmisor esencial para a función motora do organismo. Os doentes adoitan sufrir tremores, rixidez muscular e problemas de equilibrio e coordinación. Trátase dunha enfermidade que prexudica o sistema nervioso de forma crónica e progresiva. Unha das características desta patoloxía é a disfunción mitocondrial; é dicir, o mal funcionamento das mitocondrias nas células do paciente.

As mitocondrias son elementos da célula onde se produce a respiración celular para a produción de enerxía do corpo. Estudios previos demostraron que o sistema renina-anxiotensina, encargado da regulación da presión sanguínea, ten un papel fundamental a nivel cerebral no inicio e progresión da enfermidade do Párkinson.

A tese doutoral de María Alicia Costa Besada, integrante do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Párkinson liderado polo profesor da USC Jose Luis Labandeira, demostra a existencia dos receptores de anxiotensina a nivel mitocondrial, e que modulan a función mitocondrial no sistema nervioso central. Ademais, a investigación tamén proba que estes receptores están implicados na disfunción mitocondrial e nos procesos intracelulares relacionados co envellecemento e a enfermidade do Párkinson.

Esta investigación pon de manifesto que estes mesmos receptores de anxiotensina tamén están presentes no núcleo celular, e non soamente nas mitocondrias. Isto significa que cando os receptores se activan desencadean mecanismos que protexen a célula contra os efectos da anxiotensina extracelular. O problema é que, ao envellecer, perdemos este mecanismo protector, o que permite a aparición de patoloxías como o Párkinson.

Ademais, foron identificados novos compoñentes protectores coñecidos como anxiotensina 1-7 e o seu receptor nas áreas cerebrais implicadas na enfermidade do Párkinson, tanto en modelos animais como en células de pacientes.

En conclusión, os resultados desta tese doutoral demostran a necesidade de ter en conta o funcionamento do sistema renina-anxiotensina cerebral e o sistema renina-anxiotensina intracelular co obxectivo de deseñar novas estratexias terapéuticas para o tratamento da enfermidade do Párkinson.

R., 2018-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (naufragos-hugo.jpg) Hugo fala da relación do seu protagonista, un rapaz con trastorno do espectro autista, coa súa amiga Laia. Jimmy Núñez e María Roja interpretan este espectáculo, seleccionado para a primeira edición do circuíto estatal de artes escénicas para a infancia e a mocidade da ASSITEJ. Baixo o lema Voces dun mundo novo, o congreso reunirá compañías e profesionais de numerosos países arredor dunha programación artística, de relatorios e de intercambio, que este ano lles presta especial atención á participación, á amplitude de formas artísticas e á celebración do impacto comunitario. Para a configuración da carteleira de espectáculos tivéronse en conta especialmente propostas que traballan en espazos e formatos non tradicionais, inclusivas e sensoriais.
Foto de la tercera plana (turismo-5.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.

Notas

A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle o I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES