Noticias

A Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas 2019 a Antón Fraguas

A Real Academia Galega (RAG) vén de facer pública a súa decisión de dedicar o Día das Letras 2019 a Antón Fraguas Fraguas, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle renderán o vindeiro ano. Antón Fraguas destacou na súa traxectoria persoal e profesional na defensa da lingua e da cultura galega, así como no seu labor como profesor de instituto, chegando a impartir docencia na Estrada, en Lugo e en Santiago ata a súa xubilación en 1975. Nado en 1905 en Cerdedo-Cotobade e finado en 1999 en Santiago de Compostela, Antón Fraguas foi un dos máis relevantes persoeiros no ámbito intelectual e galeguista do século XX, que destacou, sobre todo polos seus traballos como historiador e antropólogo.

Discípulo de Castelao e de Losada Diéguez -de quen foi alumno de bacharelato en Pontevedra-, pasou a súa etapa universitaria en Santiago de Compostela onde en 1928 se licenciou en Filosofía e Letras. Posteriormente doutorouse na Universidade de Madrid cunha tese sobre o colexio de Fonseca.

Foi na capital de Galicia onde pasou a formar parte activa da intelectualidade galeguista da época, xa que ingresou nas Irmandades da Fala e comezou a colaborar nas seccións de Xeografía e de Etnografía e Folclore do Seminario de Estudos Galegos. Dentro do Seminario iniciou o estudo da xeografía histórica de Galicia (con especial atención ás Rías Baixas e á zona de Cercedo-Cotobade, onde nacera), e dos costumes arredor do Entroido. Así mesmo foi parte activa da transformación deste órgano no actual Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, no que exerceu como bibliotecario, secretario e director da sección de Etnografía e Folclore.

En maio de 1951 ingresou na Real Academia Galega, na cadeira que deixara o seu profesor Alfonso Rodríguez Castelao; e en 1963 foi nomeado director do actual Museo do Pobo Galego. Tamén tivo responsabilidades no Consello da Cultura Galega (onde coordinou a sección de Antropoloxía), foi membro numerario da Real Academia Galega de ciencias e da Real Academia da Historia; e exerceu como Cronista Oficial de Galicia (desde 1992), entre outros.

No seu haber figuran recoñecementos coma o Premio Trasalba en 1985, o premio Otero Pedrayo en 1992, a Medalla Castelao, e o premio das Artes e das Letras en Galicia. Entre as súas obras figuran ensaios en galego sobre Murguía, a Literatura oral en Galicia, sobre o Entroido, ou sobre as festas populares. Tamén publicou en castelán obras sobre a xeografía de Galicia ou o traxe galego entre outros.

Ao longo dos próximos meses, diversas institucións galegas (Consellería de Cultura e Educación, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Fundación Antonio Fraguas, Concello de Cerdedo-Cotobade, etc.) traballarán para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2019.

R., 2018-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES