Noticias

As universidades galegas ofertarán por primeira vez o próximo curso catro graos en inglés

As tres universidades galegas ofertarán por primeira vez o vindeiro curso 2018/19 catro graos en inglés. Así o avanzou na Comisión 4ª do Parlamento o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, quen detallou os títulos que estrearán este formato: Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña; Grao en Química da Universidade de Santiago; e Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación e Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais, ambos da Universidade de Vigo. Esta acción enmárcase no decálogo de medidas do Plan de Excelencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para o trienio 2018-2020.

Dito decálogo foi presentado pola Consellería de Educación o pasado mes de novembro co obxectivo de impulsar a calidade do sistema, tanto a nivel estrutural como a nivel de alumnado e profesorado.

Neste sentido, cómpre destacar que para o vindeiro curso estaba previsto poñer en marcha tres accións: o primeiro grao interuniversitario do SUG (Grao en Paisaxe, impartido entre a USC e a UDC), a mellora en ránking internacionais e a posta en marcha dos primeiros graos en inglés.

Os graos en inglés non son títulos ex-novo, senón que se plantexa, a proposta da propia universidade, a creación dun grupo en inglés dentro do título. Neste caso, o 80% dos créditos obrigatorios do título serán impartidos en lingua inglesa. Aínda que a previsión inicial era habilitar tres graos en inglés, un por universidade, finalmente foron catro, dado que no caso da UVigo produciuse un empate entre dúas das titulacións que se presentaron ao procedemento trala avaliación da comisión de valoración interna.

Tal e como salientou Díez de Castro, as universidades recibirán no presente ano un total conxunto de 100.000 euros para desenvolver esta acción que busca fomentar a calidade do sistema e favorecer a súa internacionalización. Así mesmo, tamén lembrou que o campus de Ferrol ofertará un grao bilingüe, que está suscitando un amplo interese.

Cinco novos títulos no curso 2018/19

Cómpre destacar que estes catro graos en inglés afondan na mellora da oferta de titulacións do SUG. De feito, Consellería e universidades levaron a cabo o ano pasado –por primeira vez en España– unha planificación conxunta a medio prazo da oferta académica superior, que inclúe 14 novos graos en tres anos. Neste sentido, cinco deles comezarán a impartirse este próximo curso. Trátase, tal e como explicou o secretario xeral, de títulos adaptados á especialización dos campus e ás demandas do tecido produtivo e do alumnado.

Ranking internacionais

Ademais, outra das accións incluídas no Plan de Excelencia é a mellora nos principais ránking internacionais: Academic Ranking of World Universities (coñecido como ránking de Xangai), Times Higher Education e QS World University Rankings. A Consellería xa recibiu as propostas de cada universidade con accións previstas a tres anos para progresar nos distintos apartados destas clasificacións mundiais. Cada universidade recibirá, este ano, 100.000 euros.

R., 2018-07-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES