O monte Gaiás convértese este verán en observatorio de excepción do ceo nocturno coas súas tradicionais visitas astronómicas
As Visitas Astronómicas volven este verán á Cidade da Cultura, convertendo o monte Gaiás nun observatorio privilexiado do ceo nocturno de Compostela. Durante os sábados do verán realizaranse sesións de observación astronómica de balde previa inscrición nas que gozar a un tempo da maxia das estrelas e da arquitectura do complexo de Peter Eisenman. A través de telescopios e prismáticos e seguindo as explicacións técnicas de monitores, as persoas asistentes observarán a lúa, os planetas, estrelas dobres ou nebulosas, aprendendo ademais, valéndose dun planisferio, a identificar as constelacións á primeira ollada.
A actividade, que combina lecer e coñecemento e se dirixe a un público familiar, está organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.
O programa das Visitas Astronómicas alóngase durante todo o verán cun total de dez sesións, todas elas de balde previa inscrición, que se desenvolverán as noites dos sábados ata o 15 de setembro agás o 28 de xullo e o 25 de agosto. Prográmase ademais unha sesión extraordinaria para a noite do domingo 12 de agosto, coincidindo coa Noite das Perseidas. Se o tempo acompaña, as bágoas de San Lourenzo poderán observarse desde o Gaiás nunhas óptimas condicións de visibilidade, con mínima contaminación lumínica. Ao rematar o verán, un milleiro persoas terán pasado polo Gaiás para participar nesta popular actividade, que cumpre xa a súa oitava edición.
A través do web cidadedacultura.gal está aberta a inscrición nas sesións de xullo e agosto, para as que quedan xa poucas prazas. Dado o grande interese que esperta esta actividade, o luns previo a cada unha das sesións abrirase a inscrición para 25 prazas adicionais nesa mesma quenda semanal. Ademais, o 6 de agosto abrirase a inscrición para as quendas de setembro aínda non dispoñible.
Recoméndase traer roupa de abrigo para participar na actividade. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a sesión trasladarase ao auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Programación de verán da Cidade da Cultura
As Visitas Astronómicas enmárcanse na programación de verán da Cidade da Cultura para 2018, que inclúe 67 actividades de lecer e culturais, ao aire libre e en contacto coa natureza, pensadas para todos os públicos. Ao longo de tres meses, prevese que participen máis de 50.000 persoas en ciclos que xeran grande expectación e demanda como os concertos de Atardecer no Gaiás, as acampadas para a cativada de Unha noite no Bosque, Cidade Imaxinaria, Camiño ao Gaiás, ou As Nocturnas, visitas comentadas ás exposicións con música e petiscos. En cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.
R., 2018-07-03
Actualidad
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a Bauhaus galega polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso. Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O CDG celebra os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha intensa programación que estende a súa actividade á produción e participación en 15 espectáculos e proxectos escénicos, a máis de 100 concellos de toda a Comunidade e á colaboración con entidades dunha decena de países en Europa e América. En palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, a unidade teatral continuará avanzando nunhas liñas mestras que, desde o respecto ao pasado, poñen o foco en novas vías de encontro coa cidadanía, na accesibilidade, na proxección exterior ou na creación galega.
Notas
A Facultade de Química será entre os días 3 e 6 de setembro a sede do XI Congreso Internacional de Nanociencia e Nanotecnoloxía Analítica (XI NyNA 2024). O encontro está organizado polo grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación (GETEE) e o Instituto de Materiais (iMATUS) da USC coa colaboración do Grupo Especializado en Ciencia e Tecnoloxías (Bio) Analíticas da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).
Os vindeiros 9, 10 e 11 de abril celébrase na Universidade da Coruña o primeiro congreso IA & Hospitality, un espazo onde se analizará a relación presente e futura entre a Intelixencia Artificial e o turismo, un dos principais motores económicos do noso país. O programa do congreso, que terá lugar no Paraninfo da UDC, inclúe oito mesas de debate nas que se tratará dende a experiencia do cliente ata a ciberseguridade e os destinos e a IA.