Noticias

A Deputación da Coruña solicita ao novo goberno do Estado o inicio do proceso xudicial para que o Pazo de Meirás pase a ser un ben público

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, remite ao ministro de Cultura, José Guirao unha carta en que explica a situación do proceso de reclamación do Pazo de Meirás e achega os informes xurídico e histórico encargados pola institución. Goretti Sanmartín anima ao novo goberno a iniciar o proceso xudicial para que o Pazo pase a ser un ben público. En carta remitida ao ministerio de Cultura, Goretti Sanmartín lembra que desde a Deputación da Coruña xa remitiran ao novo goberno dirixido por Pedro Sánchez os informes xurídico e histórico que abren as portas á recuperación do Pazo de Meirás como ben público.

"Neses documentos, xa en mans do goberno de Pedro Sánchez desde comezos do mes de xuño, explicítase o camiño para recuperar o Pazo sen indemnización ningunha á familia Franco, ao considerar nulo o acto de compra-venda ficticio que asinou o ditador despois de levar xa tempo usando o inmoble como vivenda oficial", explicou Goretti Sanmartín.

Considera tamén que é unha evidencia o alcance "político e simbólico" do Pazo de Meirás, utilizado como residencia de verán de Francisco Franco cando ditador e exemplo do modus operandi da ditadura, xa que foi conseguido coa extorsión por parte das forzas represivas do rexime con ameazas á veciñanza que tivo que achegar cartos e ceder terreos, como está demostrado.

"Que o Pazo de Meirás continúe na man da familia Franco significa que a transición non está rematada. Só cando ese ben volva a mans públicas poderemos comezar a falar de fin da ditadura, e por iso é tan importante a súa recuperación", apuntou a vicepresidenta da Deputación.

Goretti Sanmartín explícalle na carta ao ministro que os informes xa foran remitidos con anterioridade a Patrimonio Nacional e ao ministerio de Presidencia dirixido entón por Soraya Sáenz de Santamaria, de quen recibiran "unha resposta que mostraba a pasividade do goberno de Rajoy e a vontade de non mover nada do atado e ben atado que deixara Franco o seu patrimonio". A vicepresidenta da Deputación considera que "o cambio de goberno e de sensibilidade no ámbito da recuperación da memoria histórica fainos ter esperanza en que o goberno central mova ficha e se anime a coller o tema coa seriedade e a celeridade que merece", polo que solicita unha xuntanza para tratar polo miúdo os contidos dos informes e falar dos camiños a seguir a partir deste momento para recuperar o Pazo para o patrimonio público.

Goretti Sanmartín confía en que "non se estableza unha dupla velocidade para o Val dos Caídos e o Pazo de Meirás. Considera que "a recuperación do Pazo -que a familia puxo en venda á morte da filla do ditador- é unha cuestión de especial relevancia xa que este é o símbolo da ditadura, da súa prepotencia, do exercicio do poder tiránico e do roubo que se lle impuxo á tantas persoas".

A vicepresidenta achegou na misiva os dous informes, xurídico e histórico, e ofreceuse a explicar a dimensión da cuestión e apoiar un procedemento no que, segundo apuntou, "a posición do goberno central é fundamental para que o obxectivo chegue ao seu fin, é dicir, para seguir a liña aberta para recuperar o Pazo da maneira máis eficaz posible".

Próxima reunión da Xunta pro Devolución

Informou tamén de que o vindeiro día 11 ás 12.30 horas se reunirá de novo a Xunta pro Devolución do Pazo composta por representantes da Deputación, dos concellos que participaron no labor de recadación para que o Pazo pasase a ser domicilio de verán do Xefe de Estado na ditadura, as universidades, colectivos de recuperación da memoria e tamén da Real Academia Galega, de quen depende a casa de Emilia Pardo Bazán, anterior propietaria do inmoble.

R., 2018-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-tamen-se-fala-2024.jpg) O evento, que reunirá na cidade herculina a artistas contemporáneos do talle de Grande Amore, Boyanka Kostova, Lontreira e Leria, nace co obxectivo de potenciar a música actual en galego, e se enmarca na iniciativa cultura homónima nacida no Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto Rafael Dieste co obxectivo de promover o uso do galego entre a mocidade. A día de hoxe, involucra máis de 200 centros de toda a comunidade e preto de 50.000 estudantes que, a través de entrevistas, actuacións e campañas nas redes sociais, animan a rapazada a falar na lingua propia de Galicia.
Foto de la tercera plana (dron-bfa.jpg) A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.

Notas

O Seminario de Inicio do Proxecto Caprif-CC: Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático, desenvolveuse no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde o inaugurou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; e o director da Fundación CEER, Ángel Miramontes.
Definida como a rama da política que se encarga das relacións entre estados, a diplomacia asociouse historicamente á actuación dos executivos nacionais. Non obstante, nun mundo marcado pola globalización, tanto os gobernos autonómicos como os locais levan a cabo iniciativas de acción exterior, do mesmo xeito que as actuacións de institucións como os parlamentos teñen unha incidencia internacional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES